Saltar ao contido principal
Xornal

O III Findecurta recibe 12 propostas audiovisuais que proxectará nunha sesión pública o día 27 de abril na Praza de Santa María

Andrés Goteira e Elena Seijo fallarán os premios dun certame no que participaron máis de 100 persoas e que permite ás dúas curtas gañadoras competir na SICA 2018

Actualizada: 17-04-2018 13:33
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Participantes e organizadores do certame a prol do audiovisual galego Findecurta

A terceira edición do certame audiovisual Findecurta, unha iniciativa programada ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que busca servir de impulso a novos creadores audiovisuais, recibiu un total de 12 propostas audiovisuais inéditas, en cuxa realización e rodaxe participaron máis de 100 persoas. Nesta edición, o certame Findecurta agasalla con 500 euros a proposta gañadora, ao tempo que garante ás dúas candidaturas máis valoradas a proxección dos seus traballos audiovisuais na 40º Semana de Cine de Autor de Lugo, na que poderán competir polos premios á mellor curtametraxe galega da Semana de Cine de Autor de Lugo.

 

Unha vez completada a recepción de curtas, o xurado encargado de fallar este certame a prol do audiovisual galego, no que, entre outros membros estarán presentes Andrés Goteira e Elena Seijo, dará a coñecer o seu fallo o vindeiro 27 de abril, logo da sesión de proxección pública das propostas programada na luguesa Praza de Santa María que se desenvolverá a partir das 22.30 horas. No caso de choiva, a sesión de visionado das creacións audiovisuais do III Findecurta mudaría de sede ao salón de actos do Pazo de San Marcos. O fallo do xurado primará a creatividade e a calidade técnicas das curtas, así como o cumprimento de todos os criterios fixados na convocatoria.

 

A banda da Loba

O grupo de música galega A banda da Loba, integrado por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais para crear un proxecto colectivo, será o encargado de animar esta velada cinematográfica. Daquela, A banda da Loba, unha formación musical singular que ofrece un estilo musical heteroxéneo e singular logo da mestura de pop, blues, folk, rock e sons tradicionais ofrecerá un concerto aberto na Praza da Santa María antes de comezar a proxección cinematográfica que servirá de colofón ao III Findecurta.