A Rede Española de Excelencia no Descubrimento de Fármacos ( REDEFAR) que coordina a profesora
Mabel Loza dende a USC e a plataforma paneuropea European Lead Factory (ELF)
acaban de formalizar un acordo de colaboración para proxectos conxuntos no ámbito do descubrimento
de novos fármacos.
REDEFAR e European Lead Factory comparten interese común no descubrimento e
desenvolvemento de compostos, principalmente pequenas moléculas que modulan especificamente a
función biolóxica das proteínas diana. Así REDEFAR pode identificar usuarios e proxectos en España
co potencial de ser transferidos ás actividades de descubrimento de fármacos a grande escala en
European Lead Factory. Deste xeito, o desenvolvemento do ensaio e a experiencia temperá no
descubrimento de fármacos coa que conta REDEFAR complementan a alta capacidade de detección de ELF.
REDEFAR
A Rede Temática Española de Descubrimento de Fármacos xurde en 2015 como unha estrutura que
permita coordinar, cohesionar, fortalecer e visibilizar as actuais capacidades españolas.
Establecéronse diferentes Nodos Temáticos coordinados polos grupos de investigación participantes
que entre outras cuestións abordan cuestións relativas a HTS (cribado
in vitro), bioinformática, química terapéutica ou modelos
in vivo, entre outros.
ELF
European Lead Factory é unha plataforma paneuropea para o descubrimento de fármacos
respaldada poa Innovative Medicines Initiative (IMI) que ofrece puntos de partida para o
descubrimento de medicamentos a investigadores europeos dende 2013. Comprende unha colección de
medio millón de compostos (derivados do seu propio esforzo de síntese e coleccións privadas de
empresas) e un centro de selección.