Saltar ao contido principal
Xornal

Xornada en Dereito sobre o alcance do acoso laboral

Actualizada: 18-04-2018 14:14
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel da xornada a celebrar en Dereito este xoves 19

O Observatorio Cidadán de Comunicación (OCC) organiza este xoves 19 na Facultade de Dereito unha charla sobre a realidade do acoso laboral coa finalidade de visibilizar e concienciar sobre o alcance desta problemática social. A partir das 19.00 horas na Facultade de Dereito da USC intervirán Carmen Ariza Tejeda, psicóloga sanitaria e do traballo; a profesora de Dirección e Xestión de Recursos Humanos na Facultade de Relacións Laborais, María Bastida Domínguez; e Pedro Blanco Lobeiras, avogado da asesoría xurídica de UGT.

Os puntos principais da xornada xirarán arredor da definición de mobbing, dos recursos de que dispoñen traballadores/as para enfrontarse a unha situación conflitiva no ámbito laboral e á necesidade de crear iniciativas de prevención.

OCC
O Observatorio Cidadán de Comunicación defínese como “unha ferramenta para a cidadanía e para a formación en cidadanía”, que tivo a súa orixe no proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC) na convocatoria pública de Redes de investigación co patrocinio da Xunta de Galicia e os Fondos FEDER da Unión Europea (2014-15). Actualmente ten continuidade ao través dos Círculos de Lectura que se vaian xerando desde as institucións, asociacións ou organizacións sociais, e os Círculos de Aprendizaxe promovidos desde os grupos de traballo da materia Comunicación Interpersoal e Comunicación Comunitaria do 2º curso do grao de Xornalismo na USC.

O OCC preséntase como “un medio en liña aberto á participación das persoas, co que se pretende exercer a vixilancia cidadá ou control social dos medios de comunicación en Galicia, dende o ‘media criticism’ (crítica aos medios) enfocando sobre a súa representación, o acceso á comunicación dos grupos de atención social prioritaria (muller, mocidade, migrantes, persoas con diversidade funcional, persoas maiores, entroutros) e a vulneración dos dereitos universais da cidadanía”. O obxectivo final de OCC é “a mellora dos medios de comunicación no seu exercicio da responsabilidade social e do pluralismo na súa produción de sentido da realidade social”.