Saltar ao contido principal
Xornal

Entrega de diplomas á décima promoción de ESTALMAT-Galicia

O acto terá lugar este sábado na Facultade de Matemáticas

Actualizada: 04-05-2018 10:11
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Mapa da 10º Promoción de Estalmat-Galicia

A décima promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia para ESTímulo do TALento MATemático celebra este sábado 5 de maio o seu acto de despedida nunha sesión que terá lugar na Aula Magna da Facultade de Matemáticas a partir das 12:30 horas presidida polo reitor da USC e presidente de ESTALMAT-Galicia, Juan M. Viaño Rey.

Son 25 estudantes (17 rapaces e 8 rapazas) seleccionados en 2016 polas súas aptitudes matemáticas avanzadas dun total de 339 procedentes na súa maioría das provincias da Coruña (214) e Pontevedra (91), seguidas das de Lugo (19) e Ourense (15), tanto do ensino público (223) como do privado (116).

A clausura
A xornada sábado contará coa presenza do director xeral de educación, Formación Profesional e innovación educativa da Xunta de Galicia, Manuel Corredoira López; da decana da Facultade anfitrioa e coordinadora xeral do Proxecto ESTALMAT-Galicia, Elena Vázquez-Cendón; do deputado provincial da Deputación da Coruña, Juan Penabad Muras; da deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico, Artesanía e Deseño e Educación da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, e de membros do equipo docente.

No mesmo acto intervirán a docente Sandra Díaz Mouro, a estudante Fátima del Blanco (Ames-Milladoiro), o alumno Javier Ares Vila (Vigo) e en representación das súas familias, Ana Cristina Vila Pérez e Javier Rodeiro Maseda, que farán unha lembranza destes dous anos pasados en ESTALMAT-Galicia.

Previamente, a partir das 10:15 horas, os estudantes realizarán a última actividade do curso, unha visita ao supercomputador ‘Finisterrae’ do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) guiada polo subdirector técnico, Ignacio López, e asistido polos membros do seu equipo, Fernando Bouzas e Mª José Rodríguez Malmierca.