Saltar ao contido principal
Xornal

Un novo estudo xenómico achega datos históricos novidosos sobre a colonización de Sudamérica e o rol das poboacións andinas

Actualizada: 30-05-2018 11:07 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De dereita a esquerda, Antonio Salas e Federico Martinón

Dende os primeiros asentamento humanos, hai aproximadamente 12.000 anos, ata a chegada dos europeos a América, houbo dúas rutas principais de colonización de América: a dos Andes, percorrendo o continente ao longo do Pacífico, e a ruta do Atlántico. Ambas recibiron varias ondas de colonización cada unha ao longo da historia. Grupos de investigación de Italia e Estados Unidos coordinados polo profesor da Facultade de Medicina da USC Antonio Salas Ellacuriaga e o coordinador da Unidade de Infectoloxía e Inmunoloxía Pediátrica do CHUS, Federico Martinón, chegaron a esta conclusión ao estudar as poboacións humanas indíxenas de América do Sur. Ambos son investigadores principais do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS).

Non é primeira vez que os investigadores da USC axudan a escribir a historia do continente americano a través da xenética. “Este estudo –explica Antonio Salas- ten un marcado carácter antropolóxico, forma parte do que denominamos ‘antropoloxía molecular’ ou arqueoxenética, sen prexuízo de que os achados deste estudo teñan repercusión noutras ramas da biomedicina”. O equipo de investigadores construíu  o estudo a partir da análise do xenoma de miles de individuos que representan as poboacións nativas americanas do pasado así como o ADN de restos arqueolóxicos. A maior parte dos datos “obtivéronse tras unha análise intensa da literatura, procesando datos xenómicos masivos dispersos por distintos repositorios de información xenética e na literatura”, aclara o doutor Salas. Ademais de datos ex novo xerados para o estudo, a busca permitiu “conseguir información de miles de perfís xenéticos de individuos a escala xenómica” aclara o coordinador do estudo.

O traballo de alcance internacional “avanza de maneira importante no coñecemento da relación histórica” que puido existir entre a ruta dos Andes e a do Atlántico. Os datos xenéticos apuntan a que esta interacción “foi marxinal, en boa parte debido á existencia da gran barreira xeográfica do Amazonas”. Outros factores, apuntan os investigadores, poderían ter sido a especial capacidade adaptativa das poboacións andinas aos ecosistemas de altura, “capacidade que contrasta fortemente coa necesaria adaptación para vivir no complexo ecosistema da selva amazónica”.

Altiplanos peruanos
Segundo Salas, “os altiplanos de Perú xogaron un rol importantísimo dende o principio dos tempos. Esta zona foi un enclave fundamental para os primeiros paleo indios e un gran crisol de culturas, de xeito que ao longo de todos estes miles de anos apenas recibiu influxos procedentes do leste do continente”. A poboación de Perú foi “demograficamente moi exitosa e experimentou un proceso de expansión importante dende hai 8.000 anos ata o presente, o que conduciu a incubar unha cantidade moi grande de variación xenética. Como exemplo de éxito adaptativo atopamos a civilización incaica”, engade o investigador da Facultade de Medicina da USC.

O estudo conclúe igualmente que os movementos poboacionais máis importantes que existiron en América do sur producíronse ao longo da zona andina, con especial foco en Perú e fundamentalmente cun compoñente que discorría de norte a sur e non tanto á inversa. A ruta do Atlántico “non foi demograficamente tan relevante como a do Pacífico, cando menos nos seus inicios, pero foi fundamental para colonizar a maior parte do subcontinente excepto a zona andina” aclara o xenetista. Nun primeiro momento de colonización “esta ruta tivo un fluxo xenético importante en dirección norte-sur, aínda que co tempo tamén se viron favorecidos fluxos en sentido inverso”. A modo de exemplo, o doutor Salas Ellacuriaga apunta que “hoxe sabemos que unha onda importante de colonización en sentido sur-norte que se produciu hai 6.000 anos penetrou tamén no Caribe para dar lugar ás poboacións de Taínos que é a cultura indíxena máis xenuína desta rexión do mundo”.

O traballo desenvolvido tamén permitiu contrastar a existencia dun “paralelismo interesantísimo entre a evidencia xenética e os datos arqueolóxicos que apuntan a que, efectivamente, o altiplano de Perú e o eixe que discorre cara o sur seguindo os Andes foi o verdadeiro centro neurolóxico do sur de América durante miles de ano”.

Antropoloxía e xenética
Ademais dos avances que se teñan podido acadar para a antropoloxía e a historia, este estudo ten diversas repercusións noutras ramas da ciencia, pero tamén na empresa privada. En opinión de Antonio Salas “existe un gran negocio internacional no terreo do que se coñece como xenética lúdica, debido a que moita xente ten un enorme interese por saber máis dos seus ancestros, especialmente naqueles casos nos que o pasado está ligado a procesos de colonización”. Federico Martinón tamén apunta outras posibles aplicacións: “moitos estudos xenéticos sobre a enfermidade humana requiren coñecer a variabilidade que afecta á poboación sa: é a variación de referencia contra a que contrastar aquela que afecta á poboación enferma. Este tipo de estudos axudaranos, por exemplo, coas análises que estamos realizando nun proxecto internacional sobre o temido virus de Zika, tan prevalente en Latinoamérica”.

Como matiza Antonio Salas, o traballo “é froito de máis de oito anos de investigación e foi posible grazas ao esforzo do grupo de investigación, en especial de Alberto Gómez Carballa, que xogou un rol fundamental no estudo e ao que dedicou un interese especial e un gran compromiso”. Os resultados do estudo acaban de facerse públicos na prestixiosa revista Genome Research, publicación de referencia no ámbito da xenómica humana, a xenómica comparativa, a evolución molecular ou a bioloxía de sistemas, entre outros temas