Saltar ao contido principal
Xornal

362 aspirantes para conformar a 12ª promoción do proxecto ESTALMAT-Galicia 2018

Actualizada: 04-06-2018 11:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Un total de 362 estudantes de toda Galicia nacidos en 2005 e 2006 participaron este sábado na USC nas probas de selección dos 25 estudantes que formarán parte da 12ª promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas. 

Os participantes foron 148 rapazas e 214 rapaces, o que supón un incremento da participación das mozas dun 6,8% respecto do pasado curso. Proceden de 72 localidades galegas diferentes, na súa maioría das provincias da Coruña (220) e Pontevedra (119), seguidas das de Lugo (9) e Ourense (14), tanto do ensino público (256) como do privado (106). Con este número de inscritos ESTALMAT-Galicia consolida a súa andaina dende 2007 e sobrepasa a media dos cinco últimos anos. Son así xa máis de 3.500 as e os estudantes que con 12 ou 13 anos teñen pasado pola Facultade nos últimos doce anos para facer a proba de selección. Con esta promoción sumarán un total de 300 mozas e mozos seleccionados para participar no programa de talentos matemáticos.

Durante a primeira parte da proba, as familias dos estudantes asistiron a unha sesión informativa sobre o proxecto na Facultade de Bioloxía a cargo do presidente do proxecto, Juan Viaño, e da súa coordinadora xeral, a tamén profesora do Departamento de Matemática Aplicada Elena Vázquez Cendón. A proba contou ademais coa colaboración dos profesores Marina Germiñás, Victor Pollán, Ángel Rodríguez Arós, Gonzalo Temperán, Enrique de la Torre, Pablo Gonzálz e das profesoras Sandra Díaz, Covadonga Rodríguez-Moldes, Cristina Aneiros, Teresa Otero, Trinidad Pérez, Miriam Mosquera e coa axuda do equipo administrativo do proxecto Ana Paz e Manuel Porto.

O proxecto
Con esta iniciativa trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas,  resolver problemas e, en definitiva, gozar desta ciencia ao tempo que se detecta e canaliza o talento para mellor proveito da sociedade.

As actividades de Estalmat-Galicia terán lugar na Facultade de Matemáticas en sesións de 3 horas nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos (20 cada ano), con posibilidade de continuar un curso mais en Estalmat Pi (12 sesións). O equipo docente que atende aos estudantes seleccionados está formado por 50 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas.

O Proxecto ESTALMAT-Galicia
O Proxecto ESTALMAT-Galicia forma parte do programa estatal implantado en varias comunidades autónomas. Conta co aval científico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, da Consellería de Cultura,  Educación e Ordenación Universitaria, do Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e contou ou conta co apoio económico da Fundación Española para la Ciencia y la Ingeniería, das Deputacións da Coruña e Lugo. Este ano contou asemade con financiamento do Consello Social da USC.

O proxecto está conectado tamén coas actividades da Olimpíada Matemática (Fase Galega e Española) e as actividades de divulgación da Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (AGAPEMA).