Saltar ao contido principal
Xornal

Un proxecto sobre severidade e xestión integrada de prevención de lumes forestais reúne en Lugo investigadores de toda España

As universidades e entidades implicadas no programa Geprif do INIA perfilan na EPS de Enxeñaría novas ferramentas e tecnoloxías de xestión e protección contra incendios

Actualizada: 07-06-2018 14:57
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Investigadores participantes no proxecto Geprif, nos laboratorios do edificio Cactus

As universidades e centros de investigación españois que participan como socios no proxecto  ‘Redución da severidade do lume mediante novas ferramentas e tecnoloxías para a xestión integrada da protección contra os incendios forestais (Geprif), un programa financiado polo Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) e no que, xunto con investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC tamén están implicados a Universidade de Castela a Mancha e Córdoba, así como o Centro de Investigacións Forestal de Lourizán e a empresa Agresta, están a perfilar no campus de Lugo novas ferramentas e tecnoloxías acaídas para avanzar na xestión integrada da protección e prevención de lumes forestais.

 

O Geprif, coordinado a nivel nacional por Carmen Hernando Lara, do INIA, é un proxecto activado polo Magrama coa pretensión de dar unha resposta á crecente ameaza que deparan os lumes en moitas áreas forestais españolas, nas que provocan importantes impactos negativos tanto no eido medioambiental como socioeconómico. Trátase asemade dunha problemática que podería agravarse aínda no futuro por mor dos efectos derivados das previsións sobre o cambio climático e tamén sobre o cambio na xestión e o uso dos solos.

 

Os investigadores que participan neste programa de I+D, unha actuación que coordina na USC a profesora na EPSE e integrante do grupo de investigación Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) Ana Daría Ruiz, parten da hipótese de que a magnitude dos efectos do lume sobre un ecosistema (severidade do lume) constitúe un aspecto clave a ter en conta na planificación das estratexias de xestión orientadas á protección contra incendios: prevención, extinción, restauración e as súas interrelacións.

 

Desde este punto de partida, o Geprif pretende desenvolver metodoloxías, ferramentas e tecnoloxías de xestión e planificación da paisaxe para reducir o impacto dos lumes e que resulten de aplicación antes, durante e despois dos episodios incendiarios. Algún dos obxectivos fixados neste proxecto afectan á obtención de novos sistemas de cuantificación de combustibles forestais, a avaliación de xeito integrado dos tratamentos preventivos para reducir a severidade do lume ou á avaliación da fase de refugallo na severidade do solo, sen esquecer a transferencia de resultados.

 

A posta en común dos avances xa logrados polos diversos equipos de investigación traballaron nos últimos anos no marco do Gepfrif, un proxecto que xa está a piques de rematar, centrou boa parte das xornadas de traballo celebradas esta semana na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo. Esta xunta serviu asemade para acordar a posta en marcha dunha web que permitirá transferir á sociedade os resultados das pescudas realizadas, tal e como indicou o investigador da UXFS Stéfano Arellano.

 

Logo de rematar as sesións de traballo programadas, os investigadores participantes neste proxecto aproveitaron a súa estadía no campus de Lugo para coñecer as infraestruturas e servizos de investigación que acubilla o edificio Cactus, onde foron recibidos pola adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera.