Saltar ao contido principal
Xornal

O Campus Terra da USC constitúe a Agrupación Estratéxica de Investigación ‘BioReDes’ para potenciar e impulsar novos proxectos de I+D+i

A vicerreitora Montserrat Valcárcel e Paulino Martínez presentan as potencialidades ‘BioReDes’ no eido da I+D+i a axentes da contorna produtiva da provincia de Lugo

Actualizada: 13-06-2018 11:27
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Paulino Martínez, na presentación de 'BioReDes' a axentes da contorna produtiva de Lugo celebrada no edificio Cactus

A Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC Biorecursos: Desenvolvemento e Produción Sostible ‘BioReDes’ bota a andar na sede universitaria luguesa co obxectivo de favorecer o fomento e a coordinación na investigación de grupos de referencia competitiva ou potencial crecemento relacionados coa produción animal, vexetal, forestal e na seguridade dos alimentos que se derivan destas producións.

 

A promoción do talento na investigación e das vocacións científicas, o desenvolvemento de proxectos colaborativos, a potenciación das relacións do Campus Terra coa contorna investigadora e socioeconómica de Galicia, así como o fomento da internacionalización e a valorización da nosa economía constitúen outros dos cometidos desta agrupación estratéxica, segundo sinalou este mércores a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, no edificio Cactus de Lugo, na xornada de presentación de ‘BioReDes’ a unha escolma dos actores máis representativos (empresas, asociacións, etc.) da contorna produtiva da provincia luguesa.

 

A agrupación ‘BioReDes’, constituída nesta fase inicial por 16 grupos de investigación de referencia competitiva e de potencial crecemento vinculados á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) e á Facultade de Veterinaria, ademais de contar co apoio explícito do Instituto de Acuicultura da USC, agroma na actualidade unha importante masa crítica formada por máis dun centenar de investigadores estables, 42 en etapa de formación e outras 43 persoas con contratos de apoio técnico con cargo a actividades de I+D+i.

 

A produción científica da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra, que ten como director ao catedrático de Xenética da USC Paulino Martínez, é outro dos indicadores que proban o seu potencial e dan mostra da capacidade dos investigadores que a integran, un colectivo científico que no quinquenio 2010-2015 publicou máis de 500 artigos en revistas do primeiro cuartil (Q1). Cómpre salientar tamén os ingresos captados por este colectivo investigador por actividades de I+D+i no trienio 2014-2016, período no que os grupos agora concentrados en ‘BioReDes’ acadaron 11,6 millóns de euros de financiamento. Desta contía, un 32% corresponde a contratos con empresas, mentres que outro 13% dos ingresos procede de financiamento de proxectos internacionais.

 

Constituída como unha unidade tractora da estratexia de I+D do Campus Terra e base para avanzar na construción dun campus de referencia no seu ámbito de especialización, a agrupación BioReDes antóllase como unha ferramenta integrada nos contextos nacional e internacional da investigación acaída para vertebrar unha estratexia de I+D para o sector primario de Galicia.

 

Inspirada na filosofía da bioeconomía circular (a alimentación segura vai asociada a unha produción primaria sostible e resiliente), BioReDes estrutura a súa actividade en catro eixos prioritarios: Produción e Saúde Animal Sostible, Produción Vexetal e Agricultura Sostible, Alimentación Segura e Saudable, e Produción Forestal Sostible. Esta agrupación de I+D fixa tamén como ámbitos transversais da súa acción áreas como Biodiversidade e Infraestruturas Verdes, Tecnoloxías Ómicas, Innovación Dixital e TICs e Cambio Climático.

 

Liñas tractoras e obxectivos estratéxicos

As liñas tractoras desta agrupación están caracterizadas polo seu grao de innovación, complementariedade e impacto social, ao tempo que representan as fortalezas dos grupos integrantes e son a referencia para priorizar a futura actividade da agrupación arredor dos recursos naturais, xestión sostible e cambio climático; a mellora da sustentabilidade das producións, a nutrición, saúde e benestar animal, a  produción agrícola e gandeira intelixentes e a calidade, seguridade e innovación alimentaria.

 

Os obxectivos estratéxicos da agrupación BioReDes pasan por promover a especialización da capacidade investigadora do Campus Terra da USC; fortalecer relación estratéxicas coa contorna produtiva social e gobernamental para xerar coñecemento; así como fortalecer o posicionamento internacional desenvolvido na sede universitaria de Lugo. Esta agrupación nace tamén para fortalecer a interacción e a colaboración entre os grupos que a integran para mellorar a súa competitividade, incorporar talento e concorrer a proxectos de I+D+i que permitan dar resposta aos novos retos científicos.