Saltar ao contido principal
Xornal

O Museo Universitario A Domus do Mitreo celebra este xoves unha xornada de portas abertas co gallo do Arde Lucus

O programa ‘Noite na Domus’ ofrecerá pases ás 20.30 e ás 21.45 horas, con guía do arqueólogo Celso R. Cao e acompañamento musical a cargo de Germán Díaz

Actualizada: 13-06-2018 12:02
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Xacemento arqueolóxico da Domus do Mitreo

O Museo Universitario A Domus do Mitreo celebra este xoves, co gallo da inminente celebración do Arde Lucus, unha xornada de portas abertas, durante a que o acceso ao xacemento mitraico e á sala expositiva complementaria que vén de ser inaugurada hai uns meses, será libre e de balde para todo o público de 11.00 a 14.00 horas e, en quenda de tarde, de 17.00 a 20.00 horas.

 

O programa deseñado pola USC na que é a súa primeira participación nas celebracións do  Arde Lucus inclúe nesta xornada de portas abertas, a posibilidade de gozar de dúas visitas guiadas á Domus do Mitreo que comezarán ás 11.00 e ás 18.00 horas. Xa pola noite, a Área de Cultura do campus de Lugo ofrecerá dous novos pases do programa ‘Noite na Domus’. Estas visitas guiadas por Celso Rodríguez Cao e coa acompañamento musical de Germán Díaz desenvolveranse ás 20.30 e ás 21.45 horas. As persoas interesadas deberán retirar convite  o xoves de 10.00 a 14.00 horas na oficina de Cultura da Vicerreitoría do Campus de Lugo.

 

O Museo Universitario A Domus do Mitreo, que nesta xornada de portas abertas estrea folletos informativos en tres linguas, galego, castelán e inglés así como os vídeos con subtítulos nos tres idiomas, manterá un horario especial de apertura durante os días do Arde Lucus. O venres 15 xuño o museo permanecerá aberto de 11.00 a 22.00 horas; o sábado 16, de 10:30 a 22:00 horas; e o domingo 17, de 11:00 h a 20:00 horas.

 

O espazo de Danza da USC-Lugo

O Espazo de Danza da USC tamén se suma o venres, ás 22.00 horas, na Praza de Santa María, ás celebracións do Arde Lucus con varias intervencións no marco da coreografía ‘A fvndación da cidade de Lvcus Avgvst’, un espectáculo no que varias formacións artísticas viaxarán pola historia de Lugo a través da danza. Neste caso, o Espazo de Danza da USC, dirixido por Juan Carlos Zahera, fará visible o traballo realizado polo alumnado do curso de danza oriental.