Saltar ao contido principal
Xornal

A USC participa nun proxecto para combater as enfermidades da madeira da vide

Actualizada: 13-06-2018 13:23
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Proxecto para combater as enfermidades da madeira da vide

Os investigadores do Grupo de Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións (Modestya) da USC Mª José Ginzo Villamayor e Manuel Febrero Bande participan no Grupo Operativo galego EVID, que se centra no seguimento de prácticas innovadoras para a prevención das enfermidades da madeira da vide (EMV).

Durante os proxectos anteriores, o equipo identificou novas prácticas con resultados prometedores. Agora, o EVID busca o desenvolvemento de protocolos de traballo e ensaios de campo rigorosos así como de estudos estatísticos de tratamento de datos que permitan alcanzar resultados concluíntes e acheguen información sobre a viabilidade e efectividade destas prácticas. A finalidade última é achegar unha mellora na sustentabilidade e competitividade do sector vitivinícola na rexión.

En concreto, este grupo de investigación está avaliando o uso de especies fúnxicas do xénero Trichoderma (antagonista das principais especies causantes das EMV) como axente de control biolóxico e a súa aplicación mediante inserción de tacos previamente inoculados. Ademais, realizarán o seguimento doutras técnicas identificadas, como o tratamento por pulverización de feridas de poda ou a utilización de mastic protectores para demostrar a efectividade dos procedementos.

Co obxectivo de lograr un maior impacto na transferencia das prácticas e coñecemento xerado, os resultados divulgaranse entre os principais axentes do sector: adegas, viticultores e cooperativas, Consellos Reguladores e Denominacións de Orixe, empresas de explotación, centros de investigación e Administración pública.

Ademais dos estatísticos Manuel Febreiro e Mª José Ginzo da USC, participan neste proxecto Adegas Godeval SL, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia do Instituto Galego de Calidade Alimentaria e a Fundación Empresa-Universidade Galega. O grupo conta ademais con colaboradores do Servizo de Sanidade Vexetal da Consellaría do Medio Rural e do Instituto de Ciencias da Vide e do Viño da Rioxa.

A actuación finánciase coas axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, no marco do PDR de Galicia 2014-2020.


Outras imaxes


Os investigadores Mª José Ginzo (segunda pola esquerda) e Manuel Febrero (terceiro pola esquerda)

Proxecto de investigación EVIP