Saltar ao contido principal
Xornal

Un simposio en Filoloxía trata a innovación, creatividade e negociación comunicativa en inglés contemporáneo

Actualizada: 14-06-2018 13:21
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A decana María José Couso, no centro, presidiu a inauguración. Foto: RQ

O Simposio sobre innovación, creatividade e negociación comunicativa en inglés contemporáneo (ICNICE 18) comezou este xoves na Facultade de Filoloxía, onde se vai desenvolver ata o venres 15 coa participación de medios centenar de asistentes. A decana do centro, María José López Couso, presidiu a sesión inaugural.

Organizan este simposio o grupo de investigación SPERTUS que coordina o profesor Ignacio Palacios e a rede de investigación English Linguistics Circle (ELC) que lidera a profesora Teresa Fanego. Nestas dúas xornadas debateranse, entre outros asuntos, a negación non estándar no inglés de Londres, as palabras comodín na expresión dos falantes novos, as actitudes do alumnado de inglés fronte diferentes acentos de falantes de inglés como lingua franca, a cuestión da identidade na comunicación intercultural, variación e cambio lingüístico en diferentes variedades do inglés ou a avaliación das destrezas orais.

A primeira conferencia plenaria correu a cargo da catedrática de Inglés da Universidade de Toronto, Sali Tagliamonte, membro da Academia canadense e recoñecida especialista a nivel internacional na Sociolingüística inglesa, quen disertou sobre Wait! como marcador discursivo na linguaxe xuvenil. Os outros conferenciantes plenarios son os profesores Stefan Diemer da Universidade de Trier (Alemaña), que fala da comunicación mediada por vídeo nas conversas de falantes de inglés como lingua franca, e Ana Fernández Dobao da Universidade de Washington, que aborda o uso do inglés por falantes de herdanza de español. Este encontro está financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade e pola Xunta de Galicia.