Saltar ao contido principal
Xornal

A USC acada posicións destacadas en investigación e desenvolvemento tecnolóxico na edición 2018 de U-Ránking

Actualizada: 20-06-2018 13:09
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Investigación e desenvolvemento tecnolóxico son os ámbitos nos que a USC acada mellor rendemento segundo este ránking

A USC mantense un ano máis na clasificación recollida no U-Ránking en 2018 e elaborada pola Fundación BBVA e o Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (Ivie) a partir dos datos da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), de Thomson Reuters e de SIIU. De entre as 61 universidades contempladas nesta análise en función do seu rendemento docente, de investigación e de innovación e desenvolvemento tecnolóxico con independencia do tamaño, Santiago de Compostela permanece emprazada nunha quinta posición que comparte con Navarra, Miguel Hernández, Politécnica de Madrid, Barcelona e Valencia. Este listado lidérao a Pompeu Fabra, seguida de Carlos III e Politécnica de Catalunya no segundo posto; Politécnica de Valencia, no terceiro; Autónoma de Madrid, Cantabria, Autónoma de Barcelona e Rivira i Virgili, no cuarto.

No apartado específico da función investigadora, a USC sitúase cuarta dunha escala con quince niveis e quinta de entre vinte e tres niveis na dimensión de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, esta última unha clasificación liderada “polas universidades politécnicas, máis orientadas pola súa natureza cara a transferencia de coñecemento ao sistema produtivo”.

Tendo en conta o volume total de resultados –docentes, de investigación e de innovación e desenvolvemento tecnolóxico das universidades españolas- Santiago ocuparía, de xeito conxunto coa UNED, a oitava posición desta clasificación. Igualmente en docencia, Santiago e outras dezanove universidades comparten posición no quinto de oito grupos.

Graos
Alén das consideracións xerais que depara o U-Ranking 2018 para a USC, este informe tamén coloca varias das titulacións de grao ofertadas pola institución académica compostelá en Santiago e Lugo entre as mellores opcións, cando non a máis recomendada, para completar esta formación universitaria. Así, segundo se desprende deste informe de indicadores sintéticos do Sistema Universitario Español, os títulos de grao da USC en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, así como o Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, son os mellores de todos cantos se imparten na universidade española.

A esta relación de títulos, cómpre sumar outros graos ofertados pola USC, tales como Veterinaria, Física, Farmacia, Química, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Matemáticas, Pedagoxía, Educación Social, Mestre en Educación Infantil, Mestre en Educación Primaria, que figuran entre os cinco mellores do Sistema Universitario Español.

ISSUE
O U-ránking está incluído no proxecto ISSUE  (Indicadores  Sintéticos do Sistema Universitario Español) que ten como obxectivo xerar clasificacións e análises das universidades  españolas  a  partir  de  conxuntos  de información  amplos,  tendo en consideración as tres principais dimensións universitarias: docencia,  investigación  e innovación  e desenvolvemento tecnolóxico.