Saltar ao contido principal
Xornal

De “lo hicieron” a “resultó que lo hicieron”, reflexo da evolución na subxectividade do falante

Unha tese de Filoloxía Inglesa constata a crecente importancia da categoría gramatical da admiratividade en inglés e nas linguas románicas peninsulares

Actualizada: 04-07-2018 12:39 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Mario Serrano defendendo a súa tese. Foto: Servimav-USC

As linguas naturais constitúen complexos sistemas de comunicación social capaces de indicar con gran precisión as circunstancias de tempo (“Xoán CHEGOU onte”), modo (“Tal vez APROBE as matemáticas”) ou aspecto (“María ESTABA CANTANDO”) nas intervencións dos falantes. Todas elas son importantes categorías gramaticais codificadas morfoloxicamente na maioría das linguas indoeuropeas e non indoeuropeas.

En moitas linguas indíxenas, como o quechua da zona central dos Andes ou a tibetana de Lhasa, existe ademais unha categoría gramatical de admiratividade que codifica a información inesperada ou sorprendente para o falante. Con frecuencia asúmese que, a diferencia destas linguas, as linguas xermánicas como o inglés e románicas -como o castelán e o galego- conceden escasa importancia á expresión da admiratividade e carecen de recursos gramaticais para indicala.

Mais como pon de manifesto Mario Serrano na súa tese doutoral, ao longo dos últimos séculos a expresión da admiratividade adquiriu  unha importancia crecente en inglés e nas linguas románicas como reflexo da tendencia contemporánea a manifestar, con moita máis frecuencia que en épocas pasadas, a subxectividade do falante. “O emisor do discurso non se limita hoxe a describir datos e acontecementos dun xeito impersoal –explica-, senón que opta, a miúdo, por manifestar a súa opinión, o seu punto de vista e os seus sentimentos”.

Esta nova actitude levou á aparición en inglés e castelán, a partir do século XVIII, de diversas construcións admirativas con formas verbais como “end up”, “happen”, “turn out”, “resultar” ou “ocurrir”, entre outras. Dese xeito, unha expresión como “Dijeron que iban a interpretar una cantata de Bach y cantaron Macarena” hoxe pódese marcar admirativamente e convertirse en “Dijeron que iban a interpretar una cantata de Bach y ‘resultó que’ cantaron Macarena”.

Mario Serrano realizou os seus estudos de licenciatura e mestrado nas Universidades de Salamanca e Barcelona, e doutorouse en Santiago de Compostela baixo a dirección de Teresa Fanego e Belén Méndez Naya. Forma parte do grupo de investigación  Variación, cambio lingüístico e gramaticalización que dirixe a profesora Fanego, un dos máis destacados nacional e internacionalmente dentro do ámbito da Filoloxía Inglesa.

A tese Evidential and mirative expressions  in English and Spanish: grammaticalization and discourse functions de Mario Serrano –p ola que acadou Mención Internacional e Sobresaliente cum laude- súmase ás outras 23 dirixidas previamente pola profesora Fanego na súa longa traxectoria na USC.


Outras imaxes


O tribunal estivo formado por (de esquerda a dereita) Kristin Davidse, Juana Marín e María José Couso. Foto: Servimav-USC