Saltar ao contido principal
Xornal

A USC colabora coa asociación Arela na busca de familias acolledoras para o programa Convive.COMigo

Este martes está prevista unha xornada informativa para explicar o desenvolvemento do programa

Actualizada: 09-07-2018 13:49
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O  Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC solicita a colaboración de toda a comunidade universitaria para participar no programa Convive.COMigo que organiza a asociación Arela. Coa iniciativa trátase de dotar de recursos, neste caso familias, ao Xulgado para que este poida recoller nas súas sentenzas a medida de convivencia en grupo educativo, que obriga a un/unha adolescente a vivir noutro contexto familiar diferente ao de orixe, tratando de reconducir a situación que o/a levou a un Xulgado de Menores facilitándolle un entorno de socialización positiva co fin último de evitar unha reincidencia futura.

Para explicar todos os pormenores do programa, este martes 10 realizarase unha sesión informativa ás 12.00 horas na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega (Casas Reais, 8). Quen desexa asistir pode comunicalo no enderezo convive@arela.org ou no teléfono 698159895.

A duración aproximada dunha medida de convivencia oscila entre 6 meses e un ano, tempo durante o cal o/a adolescente debe convivir con esta nova familia (ou persoa) de tal xeito que se lle ofreza un entorno no que aprender e modificar aquelas condutas que foron motivo de denuncia. No momento de comezo de cumprimento da medida xudicial asínase un contrato e dende a Xunta finánciase coa cantidade de 40 euros por cada día de convivencia.

Convive.COMigo comezou en 2017 na provincia da Coruña como un proxecto piloto e ampliouse este ano á de Pontevedra. As funcións que corresponden a este programa consisten en captar, formar e avaliar as persoas que se interesen en participar, ademais de realizar un acompañamento durante o cumprimento da medida xudicial.