Saltar ao contido principal
Xornal

Inauguración dos Cursos de lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros

Actualizada: 09-07-2018 13:50
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe de arquivo dos cursos de lingua e cultura españolas

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolle este martes 10 ás 19.00 horas a inauguración oficial dos Cursos de lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros que organiza Cursos Internacionais da USC. Presidirá o acto o reitor Antonio López, xunto a quen tamén estarán presentes o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez; o concelleiro de Educación de Santiago, Manuel Dios Diz; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; e a directora-xerenta de Cursos Internacionais, Pilar Taboada-de-Zúñiga Romero.

Na sesión, o profesor da Universidade da Sorbona Nouvelle-Paris Pierre Civil pronunciará a conferencia ‘O hispanismo internacional: vixencia e perspectivas’. No acto estarán presentes estudantes, profesorado e coordinadores estranxeiros que participan nesta edición do cursos de lingua e cultura procedentes de universidades e centros educativos e culturais de Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Corea do Sur, Taiwán, Arabia Saudí, Xapón ou Brasil. Ademais, ao longo do verán está prevista a incorporación de novos estudantes de India, Tailandia, Reino Unido, Alemaña , China ou Líbano, entre outros paises.

A través de Cursos Internacionais achéganse cada verán á USC estudantes das máis diversas procedencias: Alemaña, Francia, Portugal, Italia, Noruega, Reino Unido, Suecia, Brasil, Estados Unidos, Canadá, Vietnam, India, Líbano, Bangladesh, Arabia Saudí, China, Hong Kong, Corea do Sur, Xapón, Tailandia e Taiwán.

Para todos eles, Cursos Internacionais organiza programas formativos que comprenden 20 horas semanais de clases de lingua e cultura. Estas clases compleméntanse cun amplo programa de actividades culturais: visitas guiadas á cidade e ao Patrimonio da USC, museos, obradoiros de gastronomía, excursións, baile e música. Algúns dos itinerarios que abranguen tanto no interior como na costa da comunidade galega discorren por A Coruña e Rías Altas, Parque Nacional das Illas Atlánticas,  Ría de Arousa, Lugo e o Camiño de Santiago, Pontevedra e Rías Baixas ou a Ruta das Camelias.

Moitos destes estudantes elixen durante a súa estadía en Compostela aloxarse con familias da cidade, o que lles permite vivir unha experiencia integral e coñecer outros estilos de vida.  Neste senso, Pilar Taboada-de-Zúñiga Cómpre subliña a importancia que O Camiño de Santiago acada ano tras ano nestes cursos xa que a temática xacobea é obxecto de estudo non só nos seminarios de cultura, senón que tamén está presente nas actividades culturais e excursións.

Español, Ciencias da Saúde e negocios
Por outra banda, Cursos Internacionais da USC celebra este ano a terceira edición do Curso español e Ciencias da Saúde en colaboración co Máster de Saúde Pública da USC, o SERGAS e o Hospital Clínico Universitario. Os estudantes internacionais asisten a clases de español médico e a seminarios específicos sobre o sistema sanitario español e tamén realizan prácticas clínicas tuteladas no CHUS.

Este verán tamén se porá en marcha a primeira edición del Curso de español dos negocios, no que participan a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, a través do Departamento de Organización de Empresas, así como varias empresas da cidade que acollerán a un nutrido grupo de estudantes en prácticas.