Saltar ao contido principal
Xornal

As universidades de Santiago e Vigo colaborarán co Sergas na avaliación da eficacia, eficiencia e efectividade dos tratamentos e intervencións sanitarios

Actualizada: 09-07-2018 13:59
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereira, Manuel Reigosa, Jesús Vázquez e Antonio López. Foto: Xoán Crespo

As universidades de Santiago e Vigo, xunto coa Consellaría de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) traballarán conxuntamente na implantación dun sistema de avaliación asistencial, en base a un deseño metodolóxico científico, que permita medir os tratamentos e intervencións sanitarias en termos de eficacia, efectividade e eficiencia. A finalidade é comprender os resultados que sobre a saúde teñen as diferentes intervencións sanitarias na práctica clínica habitual co fin último de mellorar a calidade asistencia sanitaria prestada e optimizar a utilización dos recursos dispoñibles.

O traballo a desenvolver permitirá cuantificar con rigor os resultados en saúde dos diferentes programas que atendendo á súa prevalencia e gravidade teñan especial interese sociosanitario ou requiran un especial seguimento da efectividade das intervencións efectuadas. Para o seu desenvolvemento, os reitores Antonio López e Manuel Joaquín Reigosa Roger asinaron este luns un convenio co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

Os criterios de selección dos estudos a abordar serán determinados polo Sergas e rexeranse por razóns de impacto asistencial ou social, pola gravidade da enfermidade, a efectividade da atención sanitaria ou polas necesidades asistenciais.

Para o desenvolvemento deste proxecto contarase cun grupo de investigadores expertos nos distintos campos que comprende este tipo de estudos (metodoloxía, epidemioloxía, economía da saúde, estatística, etcétera) que pertenzan ás tres institucións públicas. E tamén cos sistemas de información de análise complexas e a HEXIN, a Plataforma de Big Data corporativa do Servizo Galego de Saúde. A USC participará neste proxecto a través da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública, mentres e UVigo farao por medio da Área de Economía Aplicada.

O convenio terá unha duración de tres anos e poderá ser prorrogado por dúas anualidades máis.