Saltar ao contido principal
Xornal

O primeiro certificado da marca de garantía da USC pescaenverde imprímese este mércores en Portonovo

Actualizada: 10-07-2018 11:17
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Froito da investigación levada a cabo durante os últimos 20 anos polos profesores Gumersindo Feijóo Costa e María Teresa Moreira no grupo de investigación de Biotecnoloxía Ambiental da USC, centrados na Análise do Ciclo de Vida e a Taxa de Retorno Enerxético no sector pesqueiro, en 2013 desenvolveuse a marca de garantía pescaenverde . Rexistrada na Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) e na Oficina Europea de Propiedade Intelectual (EUIPO), achega información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medioambiente, ao tempo que outorga un valor engadido aos produtos que incorporan a marca.

A impresión do primeiro certificado da marca pescaenverde da Universidade de Santiago de Compostela terá lugar este mércores 11 de xullo ás 16.30 horas na lonxa de Portonovo nun acto no que estará presente o reitor da USC, Antonio López, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, ademais do profesor Feijoó Costa, actual vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica.

A marca pescaenverde naceu para dar un pulo á sostenibilidade nun dos sectores que historicamente teñen máis importancia no PIB galego, a pesca. O elemento diferencial é unha das chaves para poder manter o sector á vangarda do desenvolvemento, polo que definir a contribución e mitigación ao cambio climático mediante a pegada de carbono lle dá á nosa pesca unha ecoetiqueta que permite afondar na súa calidade á par das demandas vindeiras dos consumidores galegos e tamén abrir outros mercados onde esta demanda xa é unha realidade.

Un traballo de 20 anos
A liña de traballo do equipo de investigación da USC sobre a Análise de Ciclo de Vida (ACV) no deseño de produtos e procesos sostibles nun sector emerxente convértese na década dos anos 2000 nunha das máis produtivas do grupo, xa que se trata dunha actividade transversal aplicable aos principais sectores galegos. Este esforzo supón a presenza en diversos proxectos europeos, máis de 150 artigos en revistas internacionais do JCR e o recoñecemento nun estudo bibliométrico sobre a investigación en ACV para o período 1998-2013 publicado en 2015 no International Journal of Life Cycle Assessment que sitúa España en segundo lugar no ranking mundial (7,9% da produción mundial en artigos neste ámbito) e a USC como líder das universidades españolas ocupando a sexta posición no mundo.

En 2009 comezaron a traballar no sector pesqueiro, co obxectivo de amosar a sostenibilidade e bo facer da flota galega, estudando de forma sistemática dende unha perspectiva do ciclo de vida o impacto que a pesca de diversas especies ten no eido de indicadores como a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxética: sardiña, xarda, pescada, polbo, percebe, etc. Todo este coñecemento desemboca no recoñecemento en 2013 da marca de garantía pescaenverde na Oficina Española de Patentes e Marcas e dous anos máis tarde na Oficina Europea da Propiedade Intelectual. Xa aprobada, en 2016 publicáronse as súas características na revista International Journal of Life Cycle Assessment. A día de hoxe aínda é a única ecoetiqueta específica dos produtos do mar no eido ambiental.

Finalmente, este ano asinouse un convenio de colaboración coa Consellaría do Mar da Xunta de Galicia para a explotación conxunta de pescaenverde coa súa marca pescadeRias, pois a combinación de ambas afonda na proxección da calidade e sustentabilidade do peixe galego.

Todo este traballo desenvolveuse no Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Departamento de Enxeñaría Química da Escola Técnica superior de Enxeñaría, sendo os seus autores os profesores da USC Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira e os doutores Ian Vázquez-Rowe, hoxe na Pontificia Universidade Católica de Perú, e Pedro Villanueva-Rey, actualmente en EnergyLab.