Saltar ao contido principal
Xornal

Leite Larsa distingue catro proxectos da EPS de Enxeñaría de Lugo cos seus premios á innovación en alimentación saudable

Un postre lácteo ideado polo enxeñeiro agrónomo e investigador da USC Pablo Fraga obtén o primeiro galardón dun certame que recibiu candidaturas de toda Galicia

Actualizada: 10-07-2018 12:22
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC

A primeira edición dos premios á innovación en alimentación saudable na industria láctea convocados pola Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa) a través da súa factoría Leite Larsa  Campus Terra da USC e a Corporación Alimentaria Peñasanta SA (Capsa), a través da súa factoría Leite Larsa, vén de distinguir catro proxectos de novos alimentos propostos por estudantes e investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, segundo se desprende do fallo emitido polo xurado encargado de fallar un certame orientado a estudantes universitarios, emprendedores, sociedades mercantís, empresas e universidades ao que concorreron candidaturas chegadas desde toda a comunidade galega.

 

O primeiro gañador deste certame, a través do que Capsa busca favorecer o aproveitamento do talento e a creación de redes de valor acaídas para avanzar cara a un sector agroalimentario sustentable, é o enxeñeiro agrónomo Pablo Fraga, quen acadou a máxima puntuación do xurado cunha innovadora proposta de postre lácteo. Este enxeñeiro agrónomo lugués formado na EPS de Enxeñaría de Lugo continúa na actualidade a súa formación de doutoramento no mesmo centro da USC onde está a traballar nunha liña de investigación relacionada coa castaña.

 

Os estudantes do grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC matriculados o pasado curso académico  materia de Industrias Leiteiras Antón Polo Fernández, Brais Pérez Fernández e Roberto López Tojo acadaron o segundo premio neste certame a prol da innovación en alimentación saudable promovido por Leite Larsa cunha proposta de alimento probiótico. Do mesmo xeito, os tamén estudantes do centro universitario lugués Paula Ibáñez Domínguez, Xosé Alfonso Ameixeiras Rodríguez e Víctor Argul Saavedra acadaron dous terceiros premios nesta convocatoria de premios por outras antes suxestións de novos alimentos saudables elaborados con leite.

 

As persoas que resultaron galardoadas neste certame tiveron que superar unha fase inicial á que concorreron todos os proxectos presentados e da que resultaron seleccionadas seis candidaturas, catro da cales xermolaron na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo. Os outros dous proxectos mellor valorados polo xurado corresponden a Iria Pérez Blanco, e ao equipo formado por Sandra Neira Gómez, Ana Luna Vence e Mercedes Luna Vence.

 

Logo de coñecerse o fallo emitido polo xurado, que estivo presido polo director xeral de Capsa, Armando Tellado, as candidaturas distinguidas recollerán os seus respectivos premios e gratificacións no marco dunha cerimonia pública que se desenvolverá en setembro. Ademais dos premios en metálico, cuxo valor global suma un importe de 9.000 euros, segundo establecen as bases do certame, as candidaturas distinguidas poden ademais atoparse co posibilidade de que Capsa acorde desenvolver e comercializar os produtos ou proxectos suxeridos. De acometer esta fase posterior, a factoría látea compartirá unha porcentaxe dos beneficios xerados cos seus promotores.