Saltar ao contido principal
Xornal

A Estación Científica do Courel da USC pon en valor a riqueza micolóxica da comarca coa celebración da Festa da Cantarela

A xornada lúdica comezará o sábado 14 de xullo cunha ruta guiada desde Paderne do Courel, que acollerá en quenda de tarde charlas e unha degustación deste cogomelo

Actualizada: 11-07-2018 11:47
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da Festa da Cantarela

A Estación Científica do Courel da USC, un centro singular da institución académica compostelá emprazado en Seoane do Courel e orientado a fomentar a investigación e a docencia en todas as áreas relacionadas coa montaña galega, organiza este sábado 14 de xullo en Paderne do Courel a Festa da Cantarela, unha xornada festiva e de exaltación micolóxica, a través da que pretende poñer en valor este representativo cogomelo da comarca courelá, ademais de divulgar as súas principais características e posibilidades gastronómicas.

 

A xornada, organizada pola USC en colaboración doa Deputación Provincial de Lugo,  Concello de Folgoso do Courel e a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel, comezará pola mañá cunha ruta guiada polos itinerarios naturais da contorna. Unha vez rematada a camiñada, a actuación dunha banda de gaitas será o preludio da sesión inaugural da festa, un acto previsto para las 13.00 horas e no que se agarda a participación do director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro, e doutros investigadores da USC ligados ao centro, así como da vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel. A Alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, e representantes políticos da Deputación Provincial de Lugo, tamén participarán nesta sesión. De seguido, os asistentes poderán degustar tapas elaboradas con cantarelas a prezo económico preparadas por casas rurais do lugar e polo cociñeiro Héctor López.

 

Os menús terán un prezo de seis euros e incluirán un viño e catro tapas de empanada de cantarelas, ensalada de cantarelas con perdiz escabechada, cantarelas con fabas de Lourenzá e boi galego, e marmelada de cantarelas con espuma de iogur e vainilla.

 

A cantarela (Cantharellus cibarius, variedades e especies afines) é un dos cogomelos de maior tamaño comercial e valor gastronómico que se pode atopar no entorno galego. Este produto conta cunha gran calidade e amplas posibilidades de cociña, ademais de ser unha especie representativa da biodiversidade asociada aos soutos de castiñeiro. A cantarela supón un gran valor ecolóxico, cultural e económico na comarca do Courel e noutros territorios de montaña veciños.

 

Programa de tarde

Pola tarde, ás 17.00 horas, terá lugar unha charla divulgativa sobre distintos pratos que inclúen este cogomelo como ingrediente, así como a elaboración destes menús en directo e ao aire libre dan man do chef Héctor López. Para finalizar, ás 19.00 horas, entregaranse os premios do concurso fotográfico sobre a temática ‘As cantarelas e os soutos de castiñeiro’. Este certame outorga tres galardóns: o primeiro, de 200 euros e un trofeo; o segundo, de 100 euros e trofeo; e na terceira posición, un trofeo. Ademais, as fotografías premiadas expoñeranse no Concello de Folgoso do Courel e/ou na Estación Científica do Courel (ECC).

 

A Festa da Cantarela é unha das actuacións contempladas no convenio que vén de renovar o grupo de Sistemas Silvopastorais do Campus Terra da USC e a Deputación Provincial de Lugo, que financia este proxecto cunha achega de 40.000 euros, e a través do que se procura avanzar na promoción e valorización do turismo e dos recursos micolóxicos e naturais no xeodestino Ancares-Courel, segundo sinala o catedrático da USC e director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro Rodríguez.