A Universidade de Santiago ocupa a posición 101-125 no ránking que dende o
punto de vista da docencia acaba de presentar Times Higher Education (THE)
especificamente para as universidades europeas. Na listaxe final incluíronse preto de 250
universidades de todo o continente. Este novo ránking docente súmase a clasificacións previas
elaboradas por THE e que, na súa última edición situaba a USC no intervalo 601-800 das
mellores universidades do
mundo.
A nova clasificación é unha
experiencia piloto baseada en boa medida nos resultados da enquisa realizada
por THE entre máis de 30.000 estudantes universitarios, aos que se lles formularon preguntas sobre
si a ensinanza recibidas apoia o pensamento crítico, se as clases os desafían ou sobre si teñen a
oportunidade de interactuar co persoal docente, entre outras cuestións. Para a puntuación final
tamén se toma en consideración a idoneidade dos medios utilizados polas universidades, as canles de
relación coa comunidade universitaria, a capacidade para impartir docencia do xeito máis efectivo e
a dispoñibilidade de contornas de ensino e aprendizaxe inclusivos. Ademais dos datos facilitados
polas propias institucións e a mencionada enquisa, a clasificación tomou en consideración a enquisa
de reputación académica elaborada por THE así como datos bibliométricos de Elsevier e de axencias
estatísticas nacionais.
As universidades incluídas na listaxe final ofrecen cursos e programas conducentes a
titulacións de ensino superior oficialmente recoñecidas, deben abordar máis dunha área de
coñecemento e ter un mínimo de 5.000 estudantes matriculados no nivel de grao. Ademais, para ter en
conta as valoracións, cada unha das institucións debían estar avaliadas por un mínimo de 50
respostas válidas na enquisa europea realizada entre o alumnado.