Saltar ao contido principal
Xornal

A USC incorpórase ao Observatorio da Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento

A coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, Silvana Longueira, entra no seu consello asesor

Actualizada: 17-07-2018 10:46
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Reunión do Consello Asesor do OCUD na sede da CRUE en Madrid o pasado 12 de xullo

A USC acaba de incorporarse ao consello asesor do Observatorio da Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (OCUD), unha iniciativa de CRUE Universidades Españolas en coordinación coa Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (AECID) e o Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación.

Na última reunión da Comisión Sectorial CRUE-Internacionalización e Cooperación, a  coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, Silvana Longueira Matos, foi elixida por votación, entre todas as universidades participantes na CRUE, vogal do devandito Consello. Para Longueira, o OCUD é un “recurso imprescindible” para integrar “definitivamente” a CUD dentro do sistema de cooperación español “e visibilizar o novo papel das universidades como axentes da cooperación”.

O Observatorio é un nodo central na rede de estruturas de cooperación ao desenvolvemento de todas as universidades españolas e ten como obxectivo ser o punto de referencia da Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (CUD). Para iso, crea un sistema integrado de información que permite mellorar o coñecemento, homologa accións, elabora estratexias conxuntas, facilita o intercambio de experiencias entre universidades e contribúe a facer máis visible o traballo das universidades en cooperación, as súas potencialidades e recursos. Tamén pretende mellorar a relación con outros axentes e lograr unha colaboración máis eficaz en accións e proxectos conxuntos.

Como órganos executivo e de representación, o OCUD conta cunha directora e o consello asesor formado por representantes de distintas universidades españolas, o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, a AECID e a CRUE. Outras universidades que tamén forman parte deste Observatorio son a Oberta de Catalunya, a Politècnica de València, a de Málaga, a Carlos III de Madrid, a de Girona, a Jaume I e a Universidade de Alcalá.