Saltar ao contido principal
Xornal

A Estación Científica da USC promociona a riqueza micolóxica do Courel nunha concorrida Festa da Cantarela

Repartidas máis de 200 racións de cogomelos no marco dunha animada xornada lúdica e gastronómica celebrada en Paderne do Courel

Actualizada: 17-07-2018 11:24
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Público disponse a coller racións de cantarela elaboradas por Héctor López

A Estación Científica do Courel da USC, un centro singular da universidade compostelá orientado a fomentar a investigación e a docencia na montaña galega, promociona a riqueza micolóxica do comarca coa celebración da Festa da Cantarela, un evento lúdico e gastronómico que busca poñer en valor un dos cogomelos de maior valor comercial e gastronómico, tal e como é a cantarela, e que rexistrou a pasada fin de semana unha elevada concorrencia de público.  

 

O evento contou coa participación de máis de 200 persoas que degustaron este cogomelo da comarca courelá durante unha xornada lúdica na que se pretendía poñer en valor este produto, así como divulgar as súas principais características e posibilidades gastronómicas. Unha ruta pola contorna, unha actuación da banda de gaitas e unha degustación de tapas preparadas polo cociñeiro Héctor López foron algunhas das actividades protagonistas da festa.

 

A xornada, organizada pola USC en colaboración doa Deputación Provincial de Lugo,  Concello de Folgoso do Courel e a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel, contou coa participación do director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro, e doutros investigadores da USC ligados ao centro, así como da vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel. A Alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, e o deputado provincial Eduardo Vidal Baamonde, tamén participarán nesta sesión.

 

A Festa da Cantarela é unha das actuacións contempladas no convenio que vén de renovar o grupo de Sistemas Silvopastorais do Campus Terra da USC e a Deputación Provincial de Lugo, que financia este proxecto cunha achega de 40.000 euros, e a través do que se procura avanzar na promoción e valorización do turismo e dos recursos micolóxicos e naturais no xeodestino Ancares-Courel, segundo sinala o catedrático da USC e director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro Rodríguez.


Outras imaxes


Participantes na ruta pedestre desenvolvida pola contorna de Paderne do Courel

Público na Festa da Cantarela

A vicerreitora Montserrat Valcárcel, con autoridades políticas e responsables académicos