Saltar ao contido principal
Xornal

A Universidade de Santiago colaborará co Concello compostelán na iniciativa SMARTIAGO

Actualizada: 17-07-2018 13:19
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Universidade de Santiago colaborará co Concello compostelán no desenvolvemento dos obxectivos da iniciativa SMARTIAGO enfocada á resolución de retos de sostibilidade e mellora da eficiencia en prestación de servizos públicos a través da compra pública innovadora. Para normalizar esta colaboración, o reitor da USC, Antonio López, e o alcalde Martiño Noriega asinaron un acordo marco que permitirá achegar maior valor e sinerxías no desenvolvemento de actividades de I+D+i para retos relacionados cun municipio Patrimonio da Humanidade.

En concreto, procurarase desenvolver solucións innovadoras nas tres liñas estratéxicas do programa: xestión sostible e intelixente dos residuos sólidos urbanos, mobilidade intelixente sostible e alumeado ornamental intelixente para a conservación do patrimonio. En todas elas, a Universidade de Santiago conta cun gran potencial investigador.

De acharse esas solucións innovadoras, implantaríanse nos servizos municipais, nunha segunda fase do Smartiago que se desenvolvería integramente con fondos propios. Deste xeito, o Concello compostelán converteríase no primeiro cliente dos investigadores que dean con esas solucións innovadoras, pero tamén sería socio parceiro que cobraría royalties no caso de que esas novas tecnoloxías foran contratadas por outras administracións.

O Concello de Santiago asinou o pasado mes de decembro un convenio co Ministerio de Economía, Industria e Competitividade para desenvolver SMARTIAGO, converténdose no primeiro do Estado en asinar un convenio co Ministerio para captar fondos europeos FEDER destinados ao fomento da compra pública innovadora, no período 2014-2020.