Saltar ao contido principal
Xornal

Avalían a produción de compostos de valor engadido a partir de augas residuais industriais

Actualizada: 18-07-2018 10:31 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita Helena Moralejo, Anuska Mosquera, Andrea Fra, Mª Madalena Alves e Thelmo Lu

A investigadora da USC Andrea Fra Vázquez estudou na súa tese doutoral a produción de ácidos graxos volátiles e biopolímeros a partir de augas residuais industriais complexas. En concreto, avaliou a valorización de glicerol residual orixinado durante a produción de biodiésel, así como a de efluentes de cocedoiro de mexillón.

Estes vertidos industriais conteñen elevadas concentracións de materia orgánica que pode ser transformada noutros produtos cun potencial valor engadido. No caso do glicerol residual, en materia prima para a produción de mais biodiésel; e no das augas de cocedoiro, en bioplásticos. Deste xeito, “en lugar de sometelos a tratamentos convencionais antes do seu vertido ao medio natural, propoñemos desenvolver novos procesos que permitan a súa valorización”, explica Andrea Fra.

A tecnoloxía avaliada neste traballo enmarcouse nos proxectos PLASTICWATER e FISHPOL, ambos os dous co financiados con fondos do Goberno de España e FEDER da Unión Europea. Precisamente, a produción de compostos de valor engadido a partir de residuos é un dos elementos clave da economía circular, un concepto implantado pola Unión Europea a partir de 2015 no Plan de Acción de Economía Circular.

A directora da tese ‘Recuperación de produtos orgánicos a partir de augas residuais industriais complexas: características microbiolóxicas foi a profesora Anuska Mosquera Corral, do Departamento de Enxeñaría Química da USC. Defendida na ETSE, a investigación obtivo a máxima cualificación que lle outorgou un tribunal composto polos doutores Thelmo Lu Chao (USC), Helena Moralejo Gárate (Ceres Biotics Tech. Sl.) e Mª Madalena Alves (Universidade do Minho).