Saltar ao contido principal
Xornal

Leóns, hienas e rinocerontes nos montes de Lugo

Hai 110.000 anos 40 especies de fauna poboaron esta rexión, segundo se extrae do estudo de 1.400 restos fósiles achados no xacemento Valdavara 3, en Becerreá

Actualizada: 19-07-2018 09:00 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Mandíbula de leopardo. Foto de Gerard Campeny

Unha trampa natural visitada esporadicamente por neandertais hai uns 110.000 anos nunha canteira de calcaria de Becerreá (Lugo) podería ter xerado o depósito arqueolóxico no que un equipo do GEPN-AAT (Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio) da USC e do IPHES (Institut Catalá de Paleoecologia Humana i Evolució Social) rexistrou ata 1.400 restos fósiles de fauna pertencentes a 40 especies distintas. Este achado acaba de ser publicado na prestixiosa revista Comptes Rendus Palevol.

O xacemento descubriuse en 2009 a raíz dos traballos de explotación da canteira, e as intervencións arqueolóxicas realizáronse durante dous anos baixo a dirección do investigador do IPHES Manuel Vaquero. Os escavadores bautizárono como Valdavara 3 xa que se atopa a 50 metros da cova luguesa con ese nome, onde hai uns anos se identificou o que aínda hoxe é o fósil humano máis antigo de Galicia, remontándose a uns 17.000 anos. Valdavara 3 é, iso si, moito máis antigo que a propia cova, con datacións que indican unha cronoloxía en torno aos 110.000 anos.

Os leóns, as hienas, os leopardos, os osos, os cabalos e os rinocerontes eran os principais protagonistas en Valdavara 3 nun momento climático interglacial, cunha paisaxe variada, con fontes de auga, e onde os neandertais acudirían para aproveitar os recursos faunísticos acumulados no interior da cova por procesos naturais.

A gran diversidade de especies faunísticas fai de Valdavara 3 un xacemento excepcional, especialmente no contexto do rexistro paleontolóxico do norte da Península Ibérica. En total, 30 especies de mamíferos, tres de aves, cinco réptiles, un anfibio e un pez avalan a biodiversidade desa rexión hai 110.000 anos. Ademais, permiten por primeira vez coñecer a fauna do último interglaciar no noroeste peninsular, cun clima máis cálido e húmido que o actual.

A importancia deste tipo de xacementos, moi escasos, radica principalmente na súa riqueza faunística, “que nos ofrece unha fotografía perfecta da paisaxe de hai 100.000 anos”, explica o investigador do GEPN-AAT Arturo de Lombera. Dende os grandes carnívoros -diversos felinos e hienas- ou herbívoros -rinocerontes- que habitaron a rexión ata os pequenos roedores que son unha importante fonte para a reconstrución paleoambiental. “Por outra banda, ofrécenos a oportunidade de observar un tipo de ocupación e uso oportunista das cavidades por parte dos neandertais, moi diferente ao que se ten constatado noutras covas, como pode ser Cova Eirós”, matiza de Lombera.

Un achado pouco habitual
Os resultados das datacións dos fósiles son coherentes cos estudos da fauna recuperada. Por outra parte, en Galicia o rexistro arqueopaleontolóxico en contexto estratigráfico é escaso, polo que calquera descubrimento deste tipo supón un avance importante na investigación prehistórica da rexión. A xeoloxía da zona provoca que a conservación da fauna sexa difícil na maior parte do territorio galego. De feito, na Península Ibérica, e especialmente na rexión cantábrica, non é habitual atopar rexistros paleontolóxicos tan completos como o de Valdavara 3, pois xeralmente son máis sesgados ou de cronoloxías máis recentes.

As tarefas de escavación e de restauración do material de Valdavara 3 leváronse a cabo co apoio da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, o Concello de Becerreá e Canteiras do Penedo S.A. (CANPESA), a empresa responsable da explotación da canteira, que desde o primeiro momento colaborou nos traballos arqueolóxicos.

Estes traballos enmárcanse no proxecto de investigación Ocupacións humanas durante o Pleistoceno na conca media do Miño que, desenvolvido conxuntamente polo GEPN-AAT e o IPHES, dirixe o profesor da Universidade de Santiago Ramón Fábregas. No caso concreto deste último estudo sobre a fauna, os membros do GEPN-AAT Arturo de Lombera, Irene Valverde e Alicia Ameijende colaboraron na escavación do xacemento, no estudo dos materiais e na súa contextualización.