Saltar ao contido principal
Xornal

O ránking de Shangai destaca a produción científica da USC en dezasete materias

A investigación en Ciencias Veterinarias da USC atópase entre as cen mellores do mundo

Actualizada: 23-07-2018 14:12
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

En Ciencias veterinarias, a USC acada a súa mellor clasificación no ránking de Shangai por materias. Imaxe de arquivo

Dezasete áreas temáticas da USC aparecen entre as mellores do mundo pola súa capacidade investigadora, segundo a última edición do Academic Ranking of World Universities (ARWU, comunmente coñecido como ránking de Shangai) na súa modalidade de ránking por Materias. Ciencias Veterinarias é o ámbito no que a USC alcanza a súa mellor clasificación, no intervalo 76-100. Tamén acada unha posición destacada en Tecnoloxía e Ciencia dos Alimentos ao posicionarse no intervalo 101-150.

Por áreas de coñecemento, en Ciencias Naturais destaca o labor investigador da Universidade de Santiago en Matemáticas, Física e Química, as tres recollidas no intervalo 201-300, mentres que en Enxeñaría figuran referenciadas Ciencias dos instrumentos e tecnoloxía, Ciencias da enerxía, Ciencias ambientais e Biotecnoloxía, as catro na posición 201-300. Nesta mesma área, Enxeñaría química ascende ao intervalo 301-400 das mellores universidades do mundo.

Na área de Ciencias da Vida, ademais da de Ciencias veterinarias, figura a produción científica da USC en Ciencias da agricultura (201-300), Ciencias biolóxicas (301-400) e Ciencias biolóxicas humanas (401-500). E en Ciencias Médicas, Odontoloxía e ciencias orais e Farmacia e Ciencias Farmacéuticas alcanzan o intervalo 151-200, mentres que o de Medicina clínica figura no 401-500. Completando a clasificación, ARWU destaca a produción da USC en Económicas (301-400), dentro da área de Ciencias Sociais.

Metodoloxía
A clasificación de materias realizada por ARWU toma en consideración aquelas universidades cun número mínimo de publicacións científicas rexistradas durante os anos 2012 e 2016, en función de cada área de coñecemento. Os datos bibliométricos para a elaboración do ránking proceden de Web of Science e InCites. Nesta edición de 2018, a listaxe incorpora datos de universidades en función dun total de 54 materias.

Os indicadores tomados en consideración foron o número de artigos publicados entre 2012 e 2016; o índice de impacto normalizado para o mesmo período; o número de publicacións realizadas en formato de colaboración internacional; os artigos en publicacións de alto impacto; e o número de docentes ou persoal investigador premiados no seu ámbito científico dende 1981.