Saltar ao contido principal
Xornal

Estudantes da Economía da USC propoñen melloras en seis barrios e parroquias de Compostela

Nas conclusións do proxecto de Aprendizaxe-Servizo ‘Universidade, sociedade e desenvolvemento. A Aprendizaxe-Servizo no eido do desenvolvemento local’

Actualizada: 18-07-2018 13:32
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Alumnado da materia Desenvolvemento Rexional e Desenvolvemento Local de terceiro curso do Grao en Economía que imparten Manuel González e Carmela Sánchez traballou este curso no proxecto de Aprendizaxe-Servizo ‘Universidade, sociedade e desenvolvemento. A Aprendizaxe-Servizo no eido do desenvolvemento local’.

O traballo consistiu nunha análise socieconómica dos barrios e parroquias de Conxo, Sar, Lavacolla, Laraño, Pontepedriña e Fontiñas. Para iso, ademais da investigación teórica da historia e características socioeconómicas do Espazo, mantiveron entrevistas coas persoas responsables dos Centros Socioculturais, representantes da veciñanza, asociacións e tecido económico de cada espazo. Estudaron tamén a EDUSI ReVive Santiago para formular propostas coherentes coa estratexia marco de desenvolvemento sostible integrado do Concello de Santiago.

O proxecto recolle nas súas conclusións peticións para a mellora destes barrios e parroquias en materia de infraestruturas, dinamización comercial, valorización do patrimonio para a súa explotación turística, novos establecementos comerciais e servizos demandados pola veciñanza. Todas elas serán incorporadas polo Concello na programación das actividades de dinamización socioeconómica no marco dos programas municipais ‘Compostela Móvese’ e ‘Aposta polo teu barrio” e daráselle traslado aos outros departamentos municipais con competencia nas demandas formuladas para a súa valoración.

A Aprendizaxe-Servizo é unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna, o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social. A Universidade de Santiago de Compostela implantou estes proxectos no curso académico 2016-2017.

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolleu este mércores o acto de clausura do Proxecto, que presidiu a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, e no que tamén interviñeron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; a decana da Facultade, Emilia Vázquez; a profesora  Carmela Sánchez; o profesor de Pedagoxía e Didáctica Alexandre Sotelino Losada; e a alumna Belén Rodríguez Soto.