Saltar ao contido principal
Xornal

O profesor Rubén Nogueiras recibe unha Bolsa Leonardo para estudar o papel do xen p53 na función metabólica

O xen p53 é un supresor tumoral moi investigado na síntese de glucosa

Actualizada: 24-07-2018 13:57
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O profesor de Fisioloxía e Farmacoloxía da USC Rubén Nogueiras Pozo recibiu unha das 64 bolsas Leonardo que concede a Fundación BBVA. Con ela estudará o papel dun supresor tumoral moi coñecido, o xen p53, na síntese de glucosa e do que se empezan a coñecer novos aspectos en canto á súa función metabólica.

Rubén Nogueiras (Vigo, 1977) é doutor en Bioloxía pola USC, institución na que exerce como profesor titular dende 2004. Entre os seus logros científicos merece especial atención o descubrimento das bases moleculares para un control directo do metabolismo lipídico a través do sistema nervioso autónomo. En 2009 puxo en marcha un grupo de investigación, adscrito tamén ao CIBER de Obesidade e Nutrición (CIBERobn) centrado no estudo do mecanismo molecular implicado na obesidade e hoxe continúa investigando as vías polas cales o hipotálamo regula o balance enerxético.

Con respecto ao proxecto da bolsa Leonardo, o seu grupo descubriu que a deficiencia hepática de p53 incrementa o almacenamento de lípidos no fígado. Dado que o exceso de lípidos afecta de maneira directa ao funcionamento hepático, formulan a hipótese de que p53 tamén podería regular a homeostase da glucosa. Así, neste proxecto investigarán a resposta de p53 ao estado nutricional e a súa relevancia para manter a glucosa, os mecanismos que regulan a súa acción gluconeoxénica e o seu papel como mediador do glucagón e a GH.

Bolsas Leonardo
A Fundación BBVA acaba de adxudicar na súa convocatoria deste ano, a quinta dende os seus inicios, un total de 64 bolsas para desenvolver proxectos científicos persoais altamente innovadores. As Bolsas Leonardo a Investigadores e Creadores Culturais 2018 resolvéronse en 11 áreas: Ciencias Básicas; Bioloxía, Ciencias do Medio Ambiente e da Terra; Biomedicina (a área na que a conseguiu o profesor Nogueiras); Tecnoloxías da Información e a Comunicación; Enxeñarías e Arquitectura; Economía e Ciencias Sociais; Comunicación e Ciencias da Información; Humanidades; Artes Plásticas e Arte Dixital; Música e Ópera; e Creación Literaria e Teatro.

Os destinatarios –con idades comprendidas entre 30 e 45 años– están nun momento intermedio das súas carreiras, e forman parte do tecido que sustenta o sistema investigador e creador do Estado.