Saltar ao contido principal
Xornal

Formación e innovación, elementos clave para crear emprego de calidade e avanzar na modernización do sector forestal de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participa este luns na EPS de Enxeñaría de Lugo nunhas xornada sobre formación na industria forestal

Actualizada: 31-07-2018 14:08
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Presentación da Estratexia de formación na industria forestal 2018-2020

A formación e a innovación son elementos clave para crear emprego de calidade na industria forestal e para avanzar cara a modernización do sector en Galicia, segundo salientou este luns o conselleiro de Economía, Emprego e Facenda da Xunta de Galicia, Francisco Conde, na clausura dunha xornada sobre formación na industria forestal celebrada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, unha sesión no marco da que o presidente da Axencia Galega da Industria Forestal, José Ignacio Lema Piñeiro, presentou a Estratexia de formación da industria forestal deseñada pola Administración autonómica para 2018-2020.

 

A Estratexia de formación da industria forestal de Galicia é unha folla de ruta consensuada coas asociacións representativas do ámbito forestal galego e a través da que se prevé impulsar a especialización de máis de 5.000 profesionais nos próximos dous anos e medio cunha oferta formativa á medida e acaída ás necesidades das empresas, sinalou Conde, ao tempo que salientou que o tecido produtivo do sector forestal representa o 1,8% do PIB galego e o 12% do emprego.

 

A dixitalización da industria implica novas ferramentas de traballo e novos perfís profesionais, subliñou o conselleiro, para logo engadir que o reto da Xunta é axudar ás empresas de toda a cadea produtiva a modernizarse a través da formación dos seus profesionais no eido das novas tecnoloxías, apoiando, ademais, a súa modernización, innovación e internacionalización.

 

Logo de avanzar as distintas medidas de axuda e liñas de financiamento que mantén abertas a Xunta de Galicia, Conde manifestou que o obxectivo destas actuacións do Goberno galego é o de apoiar con todos os seus recursos dispoñibles unha industria que representa a riqueza do rural galego e que é chave para acadar un monte máis produtivo e máis protexido. Galicia é a novena potencia forestal a nivel europeo representando a madeira aquí cortada o 50% do total nacional. O forestal, ademais, move arredor de 2.000 millóns de euros anuais e emprega a máis de 70.000 persoas nunhas 3.000 empresas que abranguen toda a cadea de valor. Ademais, Conde puxo en valor o papel crecente do sector forestal nas exportacións, con máis de 800 millóns de euros.

 

Programa das xornadas sobre formación na industria forestal

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, abriu o programa das xornadas de presentación da estratexia de formación da industria forestal galega impulsada pola Xunta para o período comprendido entre 2018 e 2020, un foro que congregou na EPS de Enxeñaría de Lugo un nutrido grupo de docentes e investigadores relacionados coa temática forestal, así como a outros profesionais e representantes do sector. 

 

Unha vez rematada a recepción ofrecida pola vicerreitora e logo da presentación da nova estratexia de formación para a industria forestal, as xornadas continuaron cun coloquio sobre as necesidades futuras de formación para o sector no que interviron como relatores Constante Fontán, do departamento de organización de Finsa, e a técnico do CIS Madeira Montserrat Rodríguez Ogea. Esta táboa redonda, coordinada polo catedrático e director da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da USC, Manuel Guaita Fernández, serviu tamén para a presentación do programa Erasmus +FUTUREfacing, unha iniciativa coordinada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN).