Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo de Historia da Ciencia da USC amosa nunha mostra o legado científico das Forzas Armadas en Galicia

A mostra, que abre o xoves no Liceo Casino de Pontevedra, poderá visitarse no Museo do Exército da Coruña en setembro e chegará en outubro ao Colexio Fonseca

Actualizada: 31-07-2018 14:07
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel da exposición

O grupo de Historia da Ciencia da USC impulsa a exposición ‘O legado científico das Forzas Armadas en Galicia e dos galegos pertencentes ás Forzas Armadas’ que este xoves, 2 de agosto, abrirá ao público nas instalacións do Liceo Casino de Pontevedra. Este é un proxecto que foi aprobado polo Ministerio de Defensa na última convocatoria de proxectos de Promoción da Cultura de Defensa 2018. Esta mostra, a través da que se pretende poñer en valor as contribucións científicas realizadas en distintas épocas por numerosos membros das Forzas Armadas relacionados con Galicia, trasladarase durante o mes de setembro ao Museo do Exército, na Coruña, para logo recalar no compostelán Colexio de Fonseca durante o mes de outubro.

A exposición ‘O Legado científico das Forzas Armadas en Galicia e dos galegos pertencentes ás Forzas Armadas’ é o resultado da iniciativa promovida polo grupo de Historia da Ciencia da USC que coordina o catedrático de Astronomía José Ángel Docobo e do que tamén forman parte o profesor de Historia da Ciencia Fernando Ponte Hernando, o doutor desa área Iván Fernández Pérez, o experto en divulgación científica José Ramón González Romay e o investigador Pedro Pablo Campo Díaz.

Algún dos nomes e personaxes que aparecen recollidos nesta mostra xa están esquecidos polo gran público, segundo indican os membros do grupo de Historia da Ciencia da USC. Daquela, este colectivo entende que para mitigar este esquecemento cómpre lembrar as contribucións feitas tanto desde o Exército como desde a Mariña española en ámbitos tan diversos como as Matemáticas, Astronomía, Química, Navegación, Mecánica, Veterinaria ou a Medicina. Neste mesmo senso, a mostra lembra institucións do pasado como a Academia de Gardas Marinas de Ferrol, a  Escola Naval Flotante, a ETEA, así como outras do presente como a Escola Naval Militar de Marín.

Deste xeito, a exposición comeza abordando o problema da determinación da lonxitude en alta mar e relembrando as achegas de Juan de Nova, dos irmáns Gonzalo e Bartolomé García de Nodal, Pedro Sarmiento de Gamboa, Francisco de Seijas y Lobera ou de Francisco Antonio Mourelle de la Rúa. O percorrido continua pola Escola Naval Militar, o taller de instrumentos naúticos de Ferros, a Escola Naval Flotante ou polo Real Instituto de Observatorio da Armada. Tamén prestará atención aos mapas topográficos nacionais ou aos antecedentes deste tipo de mapa en España e á Comisión de Límites derivada do Tratado de San Idefonso. Outras figuras postas novamente de actualidade nos preto de medio cento de paneis que conforman a mostra serán Antonio Casares Gil, Mariano Gómez Ulla ou Juan Rof Codina, entre moitos outros.