Saltar ao contido principal
Xornal

O Espazo de Fotografía da USC programa en Lugo novos talleres sobre imaxe creativa e social, con móbil e divulgación científica

O prazo de inscrición nestas actividades formativas, que comezarán a desenvolverse a partir do mes de outubro, permanece aberto na oficina de Cultura do campus lugués

Actualizada: 12-09-2018 08:43
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos da USC amplía este curso a programación das actividades ofertadas polo Espazo de Fotografía da USC no campus de Lugo coa incorporación de novos cursos, obradoiros e módulos formativos sobre temáticas relacionadas coa divulgación científica e a elaboración de material didáctico desde o audiovisual, a captura de imaxes con móbil, fotografía creativa e fotografía de rúa e social.

 

Estas novas propostas de formación súmanse á oferta xa tradicional dos módulos de fotografía analóxica e dixital, impartidos por Eduardo Ochoa e Fernando Gago respectivamente. A inscrición nestes cursos, cuxas clases comezarán o 8 de outubro, no primeiro caso, e o día 30, no segundo, permanece aberta na oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación de Lugo.

 

O curso de fotografía con móbil estará impartido por Sabela Eiriz. As clases deste módulo, estruturado en 12 horas de formación, desenvolveranse os días 15, 22 e 29 de outubro, e 5 de novembro, en quenda de 16.30 a 19.30 horas, na Facultade de Veterinaria. Unha vez rematado este taller, a propia Sabela Eiriz guiará, a partir do 12 de novembro, no mesmo escenario e co mesmo horario, un obradoiro de introdución á fotografía creativa.

 

A nova programación do Espazo de Fotografía da USC no campus de Lugo inclúe tamén un módulo de divulgación científica e elaboración de material didáctico desde o audiovisual, unha programa impartido por Adrián Vázquez e cuxas sesión formativas se desenvolverán na Facultade de Formación do Profesorado os venres comprendidos entre o 26 de outubro e o 12 de novembro, en quenda de 18.00 a 21.00 horas.

 

Un módulo de fotografía de rúa e social, cuxas sesións formativas se desenvolverán os sábados do mes de marzo de 2019 en quenda de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, completa a programación do Espazo de Fotografía da USC. Esta actividade, que do mesmo xeito que toda a programación, está aberta á participación de membros da comunidade universitaria e do público en xeral, contará como docente con Marcos López.

 

XXIV Maratón Fotográfico do Campus

O Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC chega este ano á súa edición número 24, unha cita que se desenvolverá o vindeiro martes 25 de outubro. As persoas interesadas en tomar parte neste certame fotográfico, dotado con 600 euros de premios en metálico para os autores das fotografías máis valoradas, ademais de diploma e trofeo, poden formalizar a súa inscrición de balde ata o 24 de setembro a través dos números de teléfono 982 821 511 e 982 821 513. Tamén se pode solicitar máis información respecto do XXIV Maratón Fotográfico ou de calquera das actividades programadas no marco do Espazo de Fotografía da USC a través do enderezo electrónico cultura.lugo@usc.es.