Saltar ao contido principal
Xornal

A Aula de Teatro da USC desenvolve este xoves unha sesión informativa

As probas de acceso para entrar na Compañía ou na Escola serán a próxima semana

Actualizada: 12-09-2018 12:43
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Escena de 'Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet', de Sondheim

A Aula de Teatro da USC abre este xoves 13 as súas portas na sala Roberto Vidal Bolaño ((Auditorio da Universidade, Avenida de Vigo, s/n. Campus Vida) para celebrar unha sesión na que o seu director, Roberto Salgueiro, explicará o programa deste curso académico.

Toda a xente que acuda a partir das 19.00 horas á xuntanza poderá resolver calquera dúbida que teña sobre o funcionamento da Aula e concretamente sobre as convocatorias de acceso para a Escola e a Compañía de Teatro que terán lugar á semana seguinte.

A Compañía de Teatro da USC vén traballando desde o ano 1990 cunha vertente principalmente pedagóxica e un programa –recoñecido academicamente con créditos- dividido en dous períodos: montaxe (de outubro a decembro) e xira (de febreiro a abril).

Pola súa banda, a Escola de Teatro da USC ofrece este curso 18 novas prazas, 4 para Dirección e 14 para Interpretación, con diferentes modalidades e prezos reducidos para a comunidade universitaria.

Probas de acceso
Para acceder tanto á Compañía como á Escola é preciso presentarse a unhas probas de acceso, que este ano terán lugar na sala Roberto Vidal Bolaño os próximos días 17 e 18 (desde ás 18.00 horas) e o día 19 (desde as 19.30). Nestas probas non só se avalían capacidades escénicas senón tamén o interese e obxectivos da persoa que se presenta, polo que ademais de levar adiante unha serie de exercicios é importante a entrevista persoal.