Saltar ao contido principal
Xornal

A eficiencia das granxas de leite, a debate este venres nunha xornada técnica na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría

O programa, organizado polo grupo Proxectos e Planificación da USC, desenvolverase no salón de actos do centro universitario lugués a partir das 10.00 horas

Actualizada: 12-09-2018 14:49
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A eficiencia das granxas de vacún de leite centrará este venres, a partir das 10.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, a temática das xornadas técnicas ‘Granxas de leite. Podemos ser máis eficientes?’, un foro organizado polo grupo de investigación Proxectos e Planificación (Proepla) da USC en colaboración coa Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia.

 

O obxectivo destas xornadas pasa por contribuír a mellorar o futuro do sector agrario galego e, nomeadamente, do sector leiteiro, segundo sinalou o catedrático da USC e coordinador do grupo Proepla, Manuel Francisco Marey, quen agarda que participen na xornada máis de medio centenar de técnicos e produtores do sector primario.

 

O programa das xornadas comezará cun acto inaugural no que intervirán a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, a delegada territorial da Consellaría de Medio Rural en Lugo, Olga Iglesias, e o profesor Manuel Francisco Marey.

 

O profesor da Universidade de Córdoba Paco Maroto abrirá quenda de relatorios cunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘Tecnoloxías de precisión en vacún de leite’, que poderá seguirse a través de videoconferencia. De seguido, Juan Caínzos, de Elanco, tratará na súa exposición a saúde animal como fonte de beneficios para o gandeiro.

 

A optimización do aproveitamento dos forraxes para gando e as novas tecnoloxías de precisión dispoñibles será o tema do que falará Raquel Cortesao, de Pionner. Henrique Prado, de Alltech, pechará a quenda de intervencións matinais cunha exposición sobre eficiencia e saúde ruminal.

 

As xornadas sobre eficiencia nas granxas de leite terán continuidade en quenda de tarde, a partir das 16.00 horas, cun relatorio sobre mellora da eficiencia proteica a través da alimentación, a cargo de Javier López, de Kemin. De seguido, o asesor veterinario Ángel Ávila falará sobre a sustentabilidade na formulación de dietas de vacas leiteiras. Ao remate das intervencións, o Xefe do Servizo de montes da Consellería do Medio Rural en Lugo, Xabier Bruña, moderará un coloquio cos participantes.