Saltar ao contido principal
Xornal

Nace a Rede Estratéxica en Matemáticas para impulsar a investigación estatal

Actualizada: 14-09-2018 11:29
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Rede Estratéxica en Matemáticas (REM) inicia a súa andaina coa finalidade de promover a investigación matemática así como as súas aplicacións. Fundada en xullo en 2017, a REM dará a coñecer os seus principais resultados durante este curso, entre eles a publicación en febreiro de 2019 de dous macroestudos sobre o alcance da investigación en matemáticas en España, un para cuantificar o impacto científico da investigación matemática durante a última década e outro sobre o impacto na economía e no emprego da transferencia das matemáticas.

“É moi plausible que a implantación da tecnoloxía matemática no sector produtivo español produza un aumento do PIB ata chegar a valores semellantes aos alcanzados noutros países do contorno” asegura a profesora da USC Peregrina Quintela, presidenta da rede Math-in e membro do Comité de Dirección de REM. “As matemáticas axudan ás empresas de forma moi relevante na toma de decisións, na mellora de procesos produtivos e na optimización dos seus recursos”, afirma a docente. A USC atópase igualmente representada nesta rede a través do seu Instituto de Matemáticas, integrado na Rede de Institutos Universitarios de Matemáticas (RedIUM).

No seu conxunto, a REM pretende mellorar o posicionamento estratéxico das matemáticas en España. Para isto, fomentará a colaboración entre os centros que forman a Rede; a optimización dos resultados e recursos dispoñibles; a divulgación, como vía para mellorar a percepción social da ciencia; e a internacionalización da matemática española. Esta rede contará cun orzamento de 120.000 euros ata xullo de 2019.

Ademais da elaboración de informes, a REM organizará varios eventos para fomentar a colaboración público-privada entre persoal científico e industria, así como a celebración de Modelling weeks ou a elaboración de propostas de proxectos europeos para a investigación dentro do programa H2020. Ademais dará soporte a eventos internacionais de investigación, formación e transferencia matemática, especialmente ao International Congress on Industrial and Applied Mathematics.

Conforman a REM o Instituto de Matemáticas da Universidade de Sevilla (IMUS), a Barcelona Graduate School of Mathematics (BSGMath), o Centre de Recerca Matemàtica (CRM), o Basque Center for Applied Mathematics (BCAM), o Instituto de Ciencias Matemáticas (ICMAT), a Rede Española Matemática-Industria (Math-in), os centros públicos españois de educación superior e RedIUM.