Saltar ao contido principal
Xornal

A USC apoia a creación dun grupo operativo para fomentar a innovación e a valorización do cultivo de lúpulo en España

A EPS de Enxeñaría lidera o proxecto de mellora agronómica do cultivo de lúpulo nun consorcio con universidades e centros de investigación de Galicia, Castela e País Vasco

Actualizada: 14-09-2018 14:55
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Presentación do grupo operativo ‘Spanish Quality Hops’, no CIAM

A USC apoia a creación do primeiro grupo operativo orientado a fomentar a innovación e a valorización do cultivo de lúpulo en España, un consorcio liderado pola cooperativa galega Lutega e a SAT Lúpulos de León, no que participan como socios membros dos grupos de investigación da USC Proxectos e Planificación e Algoritmos e Modelización Xeoespacial, coordinados polo profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de lugo, Javie J. Cancela Barrio, ademais da Universidade de León, e os centros de investigación Itacyl, de Castela e León;   Ciam/agacal, de Galicia, e Neiker Tecnalia, do Goberno Vasco. Tamén participa como socio a empresa Hopsteiner España S.A., que é a maior transformadora e comercializadora de lúpulo en España, ao tempo que colaboran con este grupo operativo a asociación Mariñas-Betanzos (GDR As Mariñas), a asociación Poeda, e a Asociación de Cervexeiros de España.

 

Este consorcio orientado a fomentar as innovacións e valorización do cultivo do lúpulo en España comezará a súa actividade nas zonas de maior produción do país, tales como o son Castela e León, Galicia e País Vasco. A constitución deste grupo operativo prodúcese logo de que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal do Ministerio de Agricultura concedera a este equipo de profesionais fondos subvencionados para tal efecto. Esta achega encádrase nas medidas promovidas pola Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas (AEI-Agri) no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020, para que no ano 2018 se elabore un proxecto de innovación a executar a partir de 2019 e que será obxecto de presentación pública o martes 18 Universidade de León.

 

O proxecto fomenta innovacións no cultivo de lúpulo en España, incluíndo o estudo de melloras ambientais en procesos, tecnoloxías e aforro de recursos enerxéticos, así como a xestión sustentable dos recursos hídricos e manexo eficiente dos nutrientes requiridos polo cultivo para mellorar a rendibilidade das explotacións agrícolas.

 

Outra das singularidades do grupo operativo ‘Spanish Quality Hops’, un equipo de traballo e I+d+i presentado este venres nas instalación do CIAM no marco dun acto no que, entre outros, participou a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, é que se trata dun consorcio que agroma a todo o sector do lúpulo a nivel nacional. De feito, xunto coas organizacións de cultivadores de lúpulo que suman o 99% da produción nacional, tamén figuran as institucións científicas e de innovación que máis traballaron co lúpulo, ademais da empresa que canaliza a súa comercialización e a asociación de Cervexeiros, cuxos socios son os principais compradores do lúpulo nacional.

 

Experiencia e xustificación

Todos os socios e colaboradores do grupo operativo do lúpulo español que vén de ser creado acreditan experiencia en diversas actividades no marco do cultivo do lúpulo. Asemade, a heteroxeneidade da composición deste consorcio garante o intercambio de coñecemento e información entre agricultores, centros de asesoramento, empresas e sector de investigación, unha das premisas que recolle o regulamento Feader.

 

Unha das xustificacións da creación deste grupo responde á necesidade de optimizar as prácticas de manexo e incrementar a produción e a calidade do lúpulo ‘Nugget’, a principal variedade que se cultiva en España, ademais de avanzar no uso racional e eficiente dos recursos dispoñibles para acadar explotacións sustentables.