Saltar ao contido principal
Xornal

O historiador Pablo C. Díaz Martínez abre o luns un ciclo de conferencias sobre Antigüidade Tardía na Vicerreitoría de Lugo

O programa de divulgación científica promovido polos profesores da USC Dolores Dopico Caínzos e Manuel Villanueva Acuña, inclúe seis relatorios ata o 27 de setembro

Actualizada: 14-09-2018 12:45
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz do ciclo 'Sociedades en Tranformación'

O ciclo de conferencias sobre Antigüidade Tardía ‘Sociedades en Transformación, un foro organizado polos profesores de Historia Antigua da USC e integrantes do Grupo de Estudios para a Prehistoria do NW Ibérico - Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, María Dolores Dopico Caínzos e Manuel Villanueva Acuña, citará do 17 ao 27 de setembro, no edificio da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, a media ducia de profesores e investigadores de recoñecido prestixio, que abordarán noutros tantos relatorios diversos aspectos (relixiosos, culturais, sociais…) característicos da última etapa do Imperio romano.

 

O obxectivo deste programa de conferencias, un ciclo que abrirá o luns 17, a partir das 19.30 horas, o historiador e catedrático de Historia Antiga da Universidade de Salamanca, Pablo de la Cruz Díaz Martínez, co relatorio ‘Os bárbaros e caída do  Imperio romano en Occidente’, e afondar no coñecemento da última etapa do Imperio romano, un período coñecido como Antigüidade Tardía, e do que datan a maioría dos xacementos e monumentos que temos na cidade de Lugo”, segundo indicou a profesora Dolores Dopico.

 

Este ciclo monográfico sobre Antigüedad Tardía terá continuidade ata o xoves 20 con tres novas sesións. A catedrática da Universidade de Cantabria María del Mar Marcos Sánchez ofrecerá o martes 18 o relatorio ‘ O mercado das relixións no Mediterráneo tardo-antigo’. Ao día seguinte, a tamén catedrática da Universidade de Málaga Clelia Martínez Maza ofrecerá unha intervención baixo o título ‘O eremitismo, camiño de perfección no Cristianismo tardo-antigo’. A catedrática da Universidade de Zaragoza Victoria Escribano Paño pechará o xoves esta primeira quenda de relatorios do ciclo coa exposición ‘Construíndo o herético: unha visión renovada sobre Prisciliano’.

 

O programa do ciclo ‘Sociedades en Transformación’ inclúe tamén o 26 de setembro o relatorio ‘ Asfixiados polo Estado: os cambios sociais e administrativos’, a cargo do catedrático da Universidade de León Manuel A. Rabanal. O tamén profesor da Universidade de León Santiago Castellanos García pechará a programación de conferencias ao día seguinte cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘Godos: entre Roma e Toledo’.