Saltar ao contido principal
Xornal

A profesora Lourdes Mirón Redondo tomou posesión como nova decana da Facultade de Psicoloxía

Actualizada: 14-09-2018 14:48
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Lourdes Mirón, no centro, acompañada do reitor e membros do equipo reitoral. Foto: Santi Alvite

“Este equipo, esta facultade tende a súa man para o desenvolvemento dun proxecto de universidade pública consciente da importancia da súa tarefa: a formación de novas xeracións de cidadáns que poidan e saiban vivir en igualdade”. A profesora Lourdes Mirón Redondo rematou con estas palabras o seu discurso no acto protocolario de toma de posesión como decana da Facultade de Psicoloxía presidido polo reitor Antonio López no propio centro.  Os profesores Santiago Galdo Álvarez e Ana López Durán, como vicedecanos, e Montse Martín, como secretaria, completan o equipo de dirección da Facultade.

A profesora Lourdes Mirón formulou no seu discurso de toma de posesión reflexións sobre "compromisos, principios e valores que teñen guiado o noso quefacer diario e van continuar facéndoo” . Así, reivindicou o compromiso do equipo decanal “coa psicoloxía como disciplina e como profesión” e polo tanto “coa docencia, co alumnado e coa tarefa de ensinar”. Igualmente, avogou pola igualdade, “o que implica o compromiso coa defensa da universidade pública, e o compromiso coa promoción da igualdade entre homes e mulleres”.

No desenvolvemento destas ideas, a profesora Mirón lembrou que “a universidade produce beneficios, produce coñecemento e o transmite, forma as novas xeracións, e unha universidade pública é, ademais, tanto o resultado como a garantía da democracia e a igualdade social”. En conxunto, “nin a igualdade xénero nin a democracia se manteñen soas, hai que loitar por elas”.

A toma de posesión da nova decana inicia un cambio no protocolo deste tipo de actos para “ achegalos aos verdadeiros protagonistas, os decanos e decanas e aos propios centros. Non debemos esquecer que tamén conforman o goberno da Universidade”, explicou na súa intervención o reitor Antonio López. O reitor mostrou a súa satisfacción por iniciar este novo ciclo na Facultade de Psicoloxía, “un centro que fai docencia de calidade e investigación do máis alto nivel a través dos seus grupos punteiros”. López trasladou o seus “mellores desexos para esta facultade que mantén unha liña continuada de rigor e bo facer, constituíndo un selo de referencia”.

Igualmente, dentro do cambio de protocolo, os equipos decanais saíntes terán oportunidade de dirixirse á comunidade universidade do centro, nesta ocasión en boca da profesora Socorro Rodríguez Holguín, quen agradeceu a implicación de todo o persoal, docente e investigador e de administración e servizos, durante o seu mandato polo seu bo facer e implicación.

Eleccións
A profesora Lourdes Mirón Redondo foi elixida o pasado mes de outubro nova decana e sucede a Socorro Rodríguez Holguín á fronte do decanato. Mirón Redondo é profesora titular de universidade da Área de Psicoloxía Social do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía. As súas principais liñas de investigación son a violencia intergrupal e a relación entre agresión e xénero.

Obxectivos
A decana Lourdes Mirón proponse como prioridades para os próximos anos avanzar na liña na que se vén traballando en aspectos como a participación activa de todos os sectores no bo funcionamento e a toma de decisións. A consolidación das prácticas externas e a colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), ou as accións de acollida e acompañamento aos novos estudantes e aos alumnos/as de intercambio, constitúen outros dos retos fixados polo novo decanato.

Mirón Redondo tamén fixa como obxectivos do seu mandato facer visibles as iniciativas da Facultade, os seus logros e necesidades, nas distintas instancias, ademais de impulsar estratexias de relación cos egresados e afianzar iniciativas destinadas á igualdade de xénero.


Outras imaxes


No acto estaba presente o resto do equipo decanal (primeira fila á dereita) e as dúas profesoras do saliente (primeira fila á esquerda). Foto: Santi Alvite

De dereita a a esquerda, a secretaria xeral Dulce García, Lourdes Mirón, Antonio López e a anterior decana, Socorro Rodríguez. Foto: Santi Alvite