Saltar ao contido principal
Xornal

Un novo traballo profunda na comprensión das turbeiras como sumidoiros de carbono fonte ao quentamento climático

Actualizada: 17-09-2018 14:36 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Antonio Martínez Cortizas e Noemí Silva Sánchez

As turbeiras de Galicia atópanse entre as que presentan unha maior taxa de acumulación de carbono – e, por tanto, de secuestro de CO2 presente na atmosfera- a nivel mundial. Globalmente, as turbeiras acumulan entre 530 e 690 mil millóns de toneladas de carbono, equivalente a todo o presente na atmosfera terrestre. O achado acaba de facerse público nun artigo publicado na revista Nature Climate Change asinado por un equipo internacional no que colaboran Noemí Silva Sánchez e Antonio Martínez Cortizas do grupo de investigación Ciencia do Sistema Terra da USC.

As turbeiras son espazos naturais que participan en múltiples funcións ecolóxicas como a regulación da descarga de auga cara os ríos ou a depuración da auga, así como reservorio de biodiversidade, “ademais de ser auténticas bibliotecas nas que está escrito o noso pasado”, explican os investigadores da USC. Engaden os co autores do estudo que “dado o delicado equilibrio entre captar e liberar carbono e, por tanto, entre pasar de sumidoiro a fonte, a protección e recuperación das turbeiras deberían ser obxectivos prioritarios tanto en Galicia como en España”.

No traballo agora publicado utilizáronse como referencia 294 perfiles de turbeiras distribuídas a nivel mundial para construír un conxunto de datos da acumulación global de carbono no último milenio entre os anos 850 e 1850. Elixiuse este período de tempo dado que climaticamente os investigadores considérano “relativamente similar ao presente”, o que permite “comparacións co espazo climático moderno a escala planetaria”. No artigo, o equipo de investigación lembra que as turbeiras conservan un rexistro estratigráfico da acumulación neta de carbono, o resultado neto da respiración e a produción de plantas. Trátase de información valiosa xa que “estes rexistros poden utilizarse para examinar o comportamento do freático das turbeiras ao longo do tempo”.

Sumidoiros ata 2100
O estudo conclúe que a acumulación de carbono nas turbeiras durante os últimos mil anos segue un patrón de aumento dende as latitudes altas ás medias, para diminuír dende aquí cara a zona tropical. Segundo explican os investigadores da USC, as proxeccións realizadas baixo escenarios de cambio climático suxiren que as turbeiras continuarán sendo sumidoiros netos de carbono atmosférico (cando se produce unha captación de carbono maior que a súa emisión) ata o ano 2100, aproximadamente. A partir de entón, o seu efecto sumidoiro diminuirá podendo pasar a emitir máis carbono que o que capturan cara finais do século XXI.

O grupo de investigación da USC inventariou arredor de 10.000 hectáreas de turbeiras de montaña, entorno no que se estima que se acumularon entre 10 e 16 millóns de toneladas de carbono. Estas cifras “equivalen a un intervalo de 25-40% do carbono almacenado en todos os bosques da comunidade galega ou entre o 5 e o 8% do almacenado en total nos bosques españois. Como engaden Martínez Cortizas e Silva Sánchez “dado que practicamente todo o carbono da turba foi tomado directamente da atmosfera polas plantas das turbeiras, isto equivale a entre 37 e 50 millóns de toneladas de CO2”.

O equipo da USC
O grupo de investigación leva máis de dúas décadas investigando estes hábitats, declarados de protección prioritaria en Rede Natura 2000 en aspectos relacionados co seu funcionamento bioxeoquímico, o seu valor como rexistro dos cambios ambientais (climático, na vexetación ou en paleocontaminación, entre outros) ou a caracterización do seu estado de conservación.