Saltar ao contido principal
Xornal

O Congreso Mundial da Enxeñaría da Madeira premia o labor de I+D desenvolvido por Pemade para deseñar e construír a gridhsell

A estrutura de madeira de eucalipto instalada na EPS de Enxeñaría é unha actuación desenvolvida na USC ao abeiro do LIFE Lugo+Biodinámico que lidera o Concello de Lugo

Actualizada: 18-09-2018 12:04
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Gridhsell desenvolvida por Pemade e instalada na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo

A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), un grupo de investigación da USC con sede na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) de Lugo e dirixido polo catedrático Manuel Guaita, vén de recibir un galardón no Congreso Mundial de Enxeñaría da Madeira (WCTE 2018, Seúl, República de Corea) polas investigacións desenvolvidas para o deseño e construción da gridshell construída recentemente no Campus Terra. Trátase dun premio outorgado no Congreso de Enxeñaría en madeira máis importante do mundo, que se celebra cada dous anos nun país, onde se dan cita enxeñeiros, arquitectos e especialistas da madeira de todos os continentes.

 

O traballo distinguido na última edición do Congreso Mundial de Enxeñaría da Madeira foi desenvolvido por enxeñeiros e arquitectos da USC e da Politécnica de Madrid: Antonio José Lara Bocanegra, Antonio Roig, Almudena Majano Majano e Manuel Guaita, que presentaron unha nova cuberta de tipo gridshell elástica, a primeira realizada en España e a primeira no mundo que emprega como material de construción a madeira de Eucalyptus globulus.

 

A gridhsell de Pemade componse de láminas de madeira en retícula curvadas elasticamente. Estas láminas constrúense a partires de pezas rectas e idénticas de madeira serrada. Esta técnica permite crear estruturas de grandes dimensións dobremente curvadas simplemente entrecruzando as láminas en capas sucesivas, coma se dun tecido se tratase.

 

Este primeiro prototipo de gridshell, ademais de destacar pola súa estética, cumpre tamén un cometido funcional, xa que serve de cuberta dun espazo habilitado como almacén para madeira de Pemade. A súa estrutura ten 24 metros de lonxitude, e dado que se apoia unicamente nos seus lados curtos, logra salvar unha luz de 15 metros e ten 4,5 metros de voo en cada extremo.

 

O emprego de madeira de Eucalyptus globulus vén dado pola súa idoneidade e polas súas propiedades resistente, ademais de por tratarse dunha madeira que non presenta practicamente nós. Daquela, cómpre lembrar que se trata da especie forestal clasificada en Europa para uso estrutural con maiores propiedades resistentes.

 

Este traballo achega varias novidades no ámbito das gridshell de madeira como un concepto estrutural de cuberta longa apoiada só nun dos seus lados curtos e o emprego dunha terceira dirección de láminas dobradas para proporcionar rixidez á cizalladura no plano da cuberta.

 

A gridhsell instalada na EPS de Enxeñaría da USC é o resultado dun traballo desenvolvido pola Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural (Pemade) no marco do LIFE Lugo+Biodinámico, un proxecto impulsado polo Concello de Lugo, como entidade coordinadora, e no que participa a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Politécnica de Madrid. O proxecto está financiado pola Unión Europea, a través do programa LIFE, e a  Deputación Provincial de Lugo.


Outras imaxes


Antonio José Lara recolle o galardón no Congreso Mundial de Enxeñaría da Madeira celebrado en Seúl