Saltar ao contido principal
Xornal

O congreso ‘Prisciliano e Gallaecia’ actualizará o coñecemento sobre unha das figuras máis controvertidas da Historia de Galicia

Reúne en Santiago 32 especialistas de España, Italia, Alemaña e Francia

Actualizada: 18-09-2018 13:28
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Destacados especialistas no ámbito da historia antiga, das relixións e da arqueoloxía reuniranse en Santiago entre este mércores 19 e o venres 21 no congreso internacional ‘ Prisciliano e Gallaecia: arqueoloxía e textos’, organizado polo grupo de investigación da USC ‘Síncrisis: investigación en formas culturais’, grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia baixo a coordinación do profesor Pedro López Barja de Quiroga.

O evento celebrarase no Consello da Cultura Galega e reunirá a 32 expertos de España, Italia, Alemaña e Francia co obxectivo de actualizar e profundar no coñecemento de Prisciliano, unha das figuras máis controvertidas da historia e dunha época ata o momento moi pouco coñecida alén das escasas fontes escritas: a Gallaecia da Antigüidade tardía, a cabalo entre o Imperio Romano e os inicios do reino suevo.

Múltiples e polémicas interpretacións
Como explica o profesor López Barja, Prisciliano ten sido obxecto de numerosas lecturas dende o século XIX que o vinculaban aos antigos cultos precristiáns, como precursor da teoloxía da liberación ou do feminismo e sobre todo como un mártir do galeguismo, e mesmo se ten especulado co seu soterramento na catedral de Santiago de Compostela. Fronte a esta enorme cantidade de relatos interesados e con frecuencia manipulados, os expertos coinciden en que se trata do “persoeiro da historia antiga de Hispania do cal temos máis e mellor información”. O congreso ‘Prisciliano e Gallaecia: arqueoloxía e textos’ pretende situar a Prisciliano e os seus seguidores e inimigos no contexto dunha Gallaecia tardorromana en pleno proceso de transformación, baixo a luz das últimas achegas científicas e a interdisciplinariedade.

Deste xeito, o congreso estudará a doutrina priscilianista e o contexto da igrexa e o paganismo na Gallaecia da época, a economía da Gallaecia tardorromana e as últimas achegas á investigación sobre a época, unha das máis descoñecidas desde o punto de vista arqueolóxico de Galicia, por parte de novos investigadores que presentarán as últimas propostas derivadas de intervencións arqueolóxicas e investigacións dos últimos anos. Tamén se deterá na sociedade e na estrutura da Gallaecia tardorromana, unha época que hoxe se revela como máis dinámica e complexa do que se pensaba.

Exposición complementaria
Como actividade complementaria, os días 19 e 20 manterase aberta ao público a exposición titulada ‘ Tempus Barbaricum: o Imperio e as Hispanias ao final da Antigüidade’ no segundo andar da facultade de Xeografía e Historia, de entrada libre.