Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo CIDACOM colabora na organización do curso ‘Voluntarios no audiovisual’

Actualizada: 19-09-2018 14:33
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O grupo de investigación Cidadanía e Comunicación (CIDACOM) colabora na organización do curso de formación ‘Voluntarios no audiovisual’, a celebrar a partir do próximo venres 21 no Museo do Pobo Galego cunha carga lectiva de 30 horas. Esta é unha actividade destinada á mocidade da cidade (menores de 35 anos) e de inscrición gratuíta, para o que é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariosnoaudiovisual@gmail.com).

O curso está dividido en tres bloques. O primeiro está conformado por tres clases teóricas  impartidas por profesionais do sector: unha sobre o funcionamento e as normativas sobre as rodaxes en Compostela, dirixida por Dimas González, comisionado fílmico do Concello; outra sobre a relación entre a cidade e o audiovisual, a cargo do integrante do Cineclube de Compostela, Julio Vilariño; e unha derradeira sobre a loxística das rodaxes, impartida por Miriam Devesa, que ten traballado na área de produción en obras como Fariña, El desconocido ou Celda 211.

O segundo bloque compóñeno tres rutas polos espazos da cidade retratados no cine, a primeira recupera as rodaxes de películas dramáticas que tiveron lugar ao longo da historia da cidade; a segunda aborda as películas de terror e thrillers e a última as comedias rodadas en Santiago, poñendo en valor a historia do audiovisual compostelán. Finalmente, o curso centrarase no funcionamento dos festivais audiovisuais da cidade e a súa relevancia social e económica, para ilo realizarase unha mesa redonda na que estarán presentes representantes dalgúns dos principais festivais composteláns.