Saltar ao contido principal
Xornal

O catedrático de Estatística e Investigación Operativa da USC Wenceslao González Manteiga ingresou na Real Academia Galega de Ciencias

Actualizada: 20-09-2018 12:34
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O profesor González Manteiga nun momento do seu discurso de ingreso. Foto: RAGC

O catedrático de Estatística e Investigación Operativa da USC Wenceslao González Manteiga acaba de formalizar o seu ingreso na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) logo de pronunciar este mércores o seu discurso de ingreso. Integrado na sección de Matemáticas, Física e Física do Cosmos da institución, González Manteiga falou a súa lección sobre a estatística matemática na era do big data.

Na súa intervención explicou como internet, as novas tecnoloxías da información e os métodos innovadores de cálculo están propiciando unha revolución na estatística, cunha explosión de múltiples aplicacións que van dende os controis de procesos industriais ata a criminoloxía, pasando pola clasificación das noticias falsas e a medicina personalizada. Logo de pronuncialo, recibiu a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma do reitor da USC, Antonio López. Ao acto asistiron, entre outros, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o director do Instituto Galego de Estatística, José Antonio Campo Andión; o concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago de Compostela, Manuel Dios; e o director da Escola Naval de Marín, Ignacio Cuartero.

González Manteiga
González Manteiga (Sao Paulo, 1956) ocupa a Cátedra de Estatística e Investigación Operativa da USC dende 1992. É coordinador do grupo de Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións (MODESTYA), seleccionado como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia. Ademais, é membro do Instituto Internacional de Estatística (International Statistical Institute - ISI) e do Instituto de Matemática Estatística (Institute of Mathematical Statistics – IMS).

Os campos de aplicación das súas investigacións cobren dende o sanitario ao financeiro, pasando polo medioambiental. Ao longo da súa traxectoria investigadora, liderou proxectos relacionados coa transferencia tecnolóxica, a través de colaboracións e convenios con diversas empresas dende hai máis de 25 anos a nivel nacional e internacional. É autor ou coautor de máis de 190 publicacións en revistas científicas e coautor de máis de 500 comunicacións presentadas en congresos nacionais e internacionais. Ademais, obtivo diversos premios de investigación.

No plano docente, conta cunha traxectoria de 39 anos de actividade como profesor de Estatística. Foi coordinador do Máster en Técnicas Estatísticas (mención de calidade), das universidades galegas no curso 2007-2008 e actualmente é membro da súa comisión académica. Impartiu cursos de doutoramento a nivel nacional e internacional e foi profesor invitado en varias universidades españolas e nas de Louvain A Neuve (Bélxica), Paul Sabatier de Toulouse (Francia), Brno (República Checa), IMPA (Brasil) e na Universidade de Bos Aires (Arxentina).

Ademais, é coordinador do grupo de traballo de estatística para datos funcionais do Consorcio Europeo de Investigación en Informática e Matemáticas (ERCIM) e representante da USC na plataforma científica internacional IAP network.


Outras imaxes


O novo académico xunto cos reitores de Santiago e A Coruña e as restantes autoridades presentes no acto. Foto: RAGC