Saltar ao contido principal
Xornal

A Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina May-Britt Moser visita a USC coa Nobel Prize Inspiration Initiative

A neurocientífica compartirá nunha charla a súa experiencia e a investigación pola que foi premiada

Actualizada: 21-09-2018 11:06
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Estudantes e novos investigadores galegos teñen unha cita o vindeiro 27 de setembro na USC coa Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina 2014, May-Britt Moser. A Fundación AstraZeneca e Nobel Media, entidade que difunde a nivel mundial os logros e as experiencias dos Premio Nobel, organizan, por primeira vez en Galicia e por segunda en España, Nobel Prize Inspiration Initiative, o programa que achega referentes científicos que inspiran a futuros investigadores a desenvolver a súa carreira profesional. En Santiago a iniciativa lévase a cabo en colaboración co programa ConCiencia.

Durante a xornada, a neurocientífica visitará a Facultade de Medicina e o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, actos para os que é preciso inscribirse previamente. Na primeira cita, Moser compartirá co alumnado o camiño percorrido ata conseguir o máximo recoñecemento científico a través da súa conferencia ‘O espazo, o tempo e a memoria no cerebro’. Ademais, os participantes poderán conversar con ela sobre as inquedanzas respecto ao seu futuro profesional e investigador. Pola tarde, a Nobel de Medicina manterá un encontro cos investigadores do CIMUS baixo o titulo ‘Como ser un científico creativo? ’.

En palabras do presidente da Fundación AstraZeneca, Eduardo Recoder , “achegar referentes científicos nos que os novos investigadores poidan inspirarse é fundamental para motivalos a alcanzar calquera meta que se propoñan. Desde a Fundación AstraZeneca queremos darlles as oportunidades que merecen para potenciar a súa curiosidade e talento e que poidan así mellorar a calidade de vida de millóns de persoas”.

Durante a Nobel Prize Inspiration Initiative, Moser tamén participará en recepcións institucionais na Universidade e no Concello, presididas polo reitor e o alcalde respectivamente, e nas que asinará nos libros de honra.