Saltar ao contido principal
Xornal

A EPS de Enxeñaría impulsa novos proxectos agroforestais e de mitigación dos efectos do cambio climático en Corea do Sur

A catedrática da USC Rosa Mosquera reuniuse no campus lugués cunha responsable política coreana e visitou en Friol o proxecto da comunidade de montes do Carballo

Actualizada: 21-09-2018 11:38
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Rosa Mosquera, á esquerda, coa representante coreana do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (Epse) da USC está a converterse nun centro de referencia internacional no que atinxe ao impulso de proxectos agroforestais e tamén á promoción de iniciativas orientadas a reducir a emisións de gases que producen o efecto invernadoiro e os posteriores efectos negativos asociados ao cambio climático.

 

A catedrática do Departamento de Produción Vexetal da USC e profesora na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo Rosa Mosquera, quen, entre outros cargos, tamén ocupa a presencia da Asociación Española de Sistemas Agroforestais (Agfe), ao tempo que coordina a sección de cultivos agrícolas da Alianza Global de Investigacións e forma parte do elenco de observadores do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre Cambio Climático (Ipcc), está a contribuír en grande medida á proxección internacional do centro universitario lugués.

 

A recente visita á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo dunha representante do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente de Corea de Sur confirma a condición deste centro universitario como referente no eido da investigación agroforestal, así como na xestión sustentable do territorio. De feito, o especial interese amosado por esta representante política coreana propiciou que Rosa Mosquera a convidara a coñecer sobre o terreo proxectos pilotos no eido da agroforestería como o son o da comunidade de montes do Carbalo, en Friol, ou as plantacións de nogueira e cerdeira que xestiona en Arzúa e Boimorto Bosques Naturales.

 

Alén de recoller información sobre a promoción de proxectos e prácticas agroforestais e logo de coñecer in situ estes dous proxectos agroforestais sustentables, a visitante coreana solicitou a colaboración de Rosa Mosquera para asesorar nesta materia á Administración do seu país, dado o grande interese de Corea no desenvolvemento de iniciativas sustentables que contribúan á posta en valor do medio ambiente, favorezan o secuestra de carbono e permitan reducir os efectos do cambio climático.

 

Logo da solicitude recibida, Mosquera aceptou o convite para viaxar a Corea e manter encontros de traballo con profesionais e técnicos, a fin de impulsar no o desenvolvemento de investigacións e tamén de proxectos e experiencias agroforestais. Outra das posibilidades que abre esta nova colaboración pasa pola habilitación dalgún programa de formación e I+d nesta materia, no que participe a USC con outras universidades ou centros de investigación de Corea.

 

Indonesia

A visita ao Campus Terra desta emisaria de Corea do Sur prodúcese apenas unhas semanas despois da realizada por unha comitiva da Facultade de Agricultura da universidade Mohamadiya de Yogyakarta encabezada pola súa decana, Indira Prabasari. O obxectivo deste encontro xirou ao redor dun proxecto de I+D titulado ‘Indicadores de biodiversidade para mellorar a sustentabilidade dos campos de arroz para previr crises alimentarias’. Esta actuación antóllase de importancia capital en Indonesia, por tratarse dun país cun importante nivel produción de arroz, pero tamén polo valor que teñen os campos de arroz como agroecosistemas acaídos para a conservación biolóxica.

 

A visita desta delegación da Mohamadiya de Yogyakarta traducirase en breve na visita de Rosa Mosquera ao país asiático, onde prevé completar unha estadía de dúas semanas. Neste tempo, a profesora na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo poderá coñecer a casuística particular de Indonesia, ao tempo que prestará asesoramento e ofrecerá formación a investigadores universitarios e responsables técnicos e da Administración.