Saltar ao contido principal
Xornal

Un encontro internacional profunda nos textos científicos medievais relativos á saúde

Actualizada: 25-09-2018 12:07
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Os textos científicos medievais permanecen con frecuencia á marxe dos estudos filolóxicos, coa irreparable falla que supón no coñecemento dunha parcela importante da cultura medieval. Para contribuír a cubrir parte dese baleiro, especialistas de referencia internacional reúnense esta semana na Facultade de Filoloxía nun encontro científico que pretende mostrar os nomes e espazos que privilexiaron a redacción e tradución de obras relativas á saúde.

O congreso internacional ‘ Ciencias da saúde animal (e humana) na Idade Media europea: autores, textos e contextos’ porá o foco nos manuais dedicados a preservar os animais que foron signo de identidade da nobreza medieval –o cabalo e as aves de caza–, mais tamén nas obras dedicadas á botánica, á farmacoloxía ou á medicina, dadas as relacións existentes entre esas disciplinas e a veterinaria. Nas intervencións primarase o achegamento aos textos desde unha perspectiva filolóxica, aínda que non se desatenderán a histórica nin a médico-veterinaria-farmacéutica.

Dirixido por Gerardo Pérez Barcala, o encontro forma parte das actividades desenvolvidas no proxecto de investigación ‘Edición crítico-interpretativa do Livro d’Alveitaria’. Bases para unha plataforma en liña da tradición do «De medicina equorum»’ e está promovido polo grupo de investigación Románicas da USC e a Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares.

O evento está recoñecido como actividade formativa dos programas de doutoramento da USC ‘ Estudos Medievais’; ‘Estudos da Literatura e da Cultura’; ‘Historia, Xeografía e Historia da Arte’,  e ‘Medicina e Sanidade Veterinaria’.