Saltar ao contido principal
Xornal

O XXIV Maratón Fotográfico do Campus de Lugo orienta o foco das 48 persoas participantes cara ‘Os fíos da memoria’

O Vello Cárcere mostra desde o 8 de novembro unha escolma das imaxes tomadas nun certame que pecha Lugo Cultural 2018, un programa que rexistrou 5.500 usuarios

Actualizada: 25-09-2018 13:35
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Jesús Varela Zapata e Paloma Lugilde, no centro, con participantes no XXIV Maratón Fotográfico do Campus de Lugo

O XXIV Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC orienta os focos das 48 persoas inscritas neste certame cara ‘Os fíos da memoria’, que é o tema proposto polo xurado desta edición dunha convocatoria aberta á participación de artistas afeccionados e que, do mesmo xeito que en edicións anteriores, tamén conserva a categoría de temática libre, tanto na modalidade dixital como analóxica.

 

O Adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, que ofreceu unha recepción aos participantes no auditorio da Casa do Saber, lembrou que o XXIV Maratón Fotográfico do Campus repartirá 600 euros en metálico e trofeos para os autores das dúas fotografías que resulten premiadas polo xurado encargado de fallar un certame promovido desde os seus comezos pola Área de Cultura da USC en colaboración co Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá ao abeiro do programa Lugo Cultural, un convenio no que actualmente están representados, ademais da institución académica compostelá, a Deputación e o Concello de Lugo. 

 

Ademais de informar sobre os prazos de entrega das imaxes presentada a competición e demais cuestións técnicas, Varela Zapata, que estivo acompañado da encargada de actividades culturais no campus de Lugo, Paloma Lugilde, aproveitou esta toma de contacto coas persoas participantes para indicar que as imaxes presentadas a concurso conformarán unha exposición que poderá visitarse no Vello Cárcere de Lugo a partir do 8 de novembro, data na que está prevista tamén a celebración do acto de entrega de premios.

 

A elevada participación no XXIV Maratón Fotográfico do Campus de Lugo foi outro dos aspectos salientados por Varela Zapata, que tamén destacou que as actividades das diferentes disciplinas ou áreas artísticas programadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural na súa edición de 2018 chegaron a máis de 5.500 usuarios, unhas estatísticas de público que supoñen un incremento de máis do 20% respecto das cifras de público contabilizadas durante o exercicio anterior.

 

As persoas inscritas neste certame artística poderán desenvolver a súa actividade fotográfica ata as 14.00 horas do mércores 26 de setembro, cando remata o prazo para a presentación do material presentado a concurso nas oficinas da Área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación de Lugo.

 

Premios e diplomas

Os organizadores do XXIV Maratón Fotográfico do Campus Terra contemplan a entrega de dous premios, que contan cunha dotación económica conxunta de 600 euros. Así, o autor/a da mellor fotografía do tema proposto pola organización recibirá o Premio Carlos Valcárcel, dotado con 350 euros en metálico. O premio á mellor fotografía do tema libre inclúe unha gratificación de 250 euros, diploma e trofeo. Todas as persoas participantes recibirán diploma acreditativo e as súas fotografías formarán parte da mostra colectiva.