Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo VALFINAP da USC participa como socio nun proxecto de apoio á economía social

Este xoves 27 desenvolven un seminario en liña e gratuíto sobre a creación de empresas na contorna 4.0

Actualizada: 26-09-2018 10:50
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A través do grupo de investigación Valoración Financeira Aplicada (VALFINAP), a USC participa como entidade socia no proxecto Laboratorios de Apoio á Creación de Emprego e Empresas de Economía Social (LACES), co financiado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

O proxecto busca contribuír ao fomento e consolidación da economía social na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para así conseguir un salto cualitativo na súa capacidade para xerar e consolidar emprego. Este obxectivo pretende ser acadado a través da execución de catro laboratorios piloto: para a identificación de oportunidades de negocio, de creatividade e comunicación de economía social, para a creación e consolidación de empresas de economía social e para o reforzo e mellora da capacitación do talento humano.

No marco do primeiro laboratorio, VALFINAP coordina a elaboración de diferentes axendas para o fomento e consolidación de empresas de economía social en sectores emerxentes. A primeira, vinculada á industria 4.0, presentouse a finais de decembro en dous seminarios celebrados en Vigo e Arcos de Valdevez (Portugal).

No mesmo senso, e enmarcada no cuarto laboratorio, en breve botará a andar a Academia de Economía Social, na que se impartirán diferentes cursos de formación en liña encamiñados a dar a coñecer as vantaxes desta fórmula de economía así como a mellorar as capacidades e habilidades empresariais das persoas participantes. O primeiro destes cursos de formación, de carácter gratuíto previa inscrición, será este xoves 27.