Saltar ao contido principal
Xornal

O reitor da USC apoia a Facultade de Veterinaria ante o comité internacional de avaliación da EAEVE

Responsables académicos e autoridades políticas participaron este mércores na recepción institucional ofrecida na Deputación Provincial de Lugo á comitiva europea da EAEVE

Actualizada: 26-09-2018 20:57
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Foto de familia da recepción institucional ofrecida na Deputación de Lugo ó comité de expertos da EAEVE

O reitor da USC, Antonio López, apoia a Facultade de Veterinaria diante do comité de expertos que está a inspeccionar o centro e participou este mércores no Pazo de San Marcos, na recepción institucional ofrecida pola Deputación Provincial de Lugo á comisión internacional  da Asociación Europea de Establecementos de Formación Veterinaria (Eaeve) que está a avaliar esta semana o centro universitario lugués no marco do proceso de renovación da acreditación europea da Eaeve acadada inicialmente no ano 2002 e posteriormente renovada en 2008 por un período de dez anos.

 

Antonio López encabezou a ampla representación universitaria que tomou parte nesta recepción institucional, un acto presidido polo presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e no que , ademais do reitor da USC, tamén interviron como relatores a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o director do  Sistema Europeo de Avaliación da Formación Veterinaria e coordinador deste comité avaliador, o belga Pierre Lekeux.

 

A sesión, na que que tamén participarán todos os integrantes deste comité externo designado pola Eaeve, un panel de expertos formado por Yngvild Wasteson, especialista norueguesa en hixiene e inspección de alimentos que actuou como presidenta da comisión; o experto italiano en ciencias básicas Mario Baratta; o austríaco Florian Buchner, especialista en animais de compañía; o experto británico en Produción e Sanidade Animal David Barrett. O experto francés en medicina de grandes animais Christophe Buhot, que actúa como representante da  Federación de Veterinarios de Europa; a finesa Mirja Ruohoniemi, especialista en control de calidade, e a austríaca Victoria Drauch, en representación do colectivo estudantil, completan a comisión.

 

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos, abriu a sesión cun saúdo de benvida á comitiva internacional, cuxos membros asinaron no libro de ouro da institución provincial en lembranza da súa estadía na capital luguesa. Unha vez rematadas as intervencións e logo dunha fotografía de familia, os participantes neste encontro, que constata o apoio das institucións públicas locais, provinciais e autonómicas á Facultade de Veterinaria da USC, compartiron un ágape.

 

O acto institucional desenvólvese no ecuador da visita que está a realizar esta comisión avaliadora da Eaeve á Facultade de Veterinaria de Lugo, de onde partirá o venres 28 de setembro, un período que o comité de expertos aproveitou para comprobar e supervisar in situ a veracidade da información achegada previamente polo centro universitario lugués, que elaborou para a ocasión unha ampla documentación que abrangue un total de 11 estándares cos seus respectivos indicadores: organización, finanzas, plan de estudos, infraestruturas e equipamento, recursos animais, recursos docentes, admisión e atención ao estudantado, sistemas de avaliación do alumnado, persoal docente e de administración e servizos, investigación, programas de formación continúa e posgrao, e sistemas de garantía interna de calidade.

 

O programa desta visita da Eaeve, un proxecto no que dalgún xeito están implicados todas as persoas que estudan e traballan na Facultade de Veterinaria da USC, contempla asemade entrevistas con diferentes sectores do centro universitario, entre os que están incluídos alumnos, persoal da facultade e axentes externos. Estas sondaxes de opinión permitirán aos avaliadores obter a información necesaria para establecer un xuízo o máis preciso posible da situación da Facultade de Veterinaria.

 

Ampla representación institucional

O carácter transversal e a relevancia que supón para o centro universitario lugués renovar a acreditación europea da Eaeve explica a nutrida representación da USC neste acto institucional, unha sesión na que, entre outros, tamén participou as vicerreitoras de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e de Organización Académica, Celia Besteiro, ademais do adxunto á Vicerreitoría de Lugo para Internacionalización, Jesús Varela Zapata.

 

O decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina, acompañado de todos os membros do equipo de dirección do centro: Patricia Fernández de Trocóniz y Revuelta, Izaskun Ibaguren Iraceta, Ana María López Beceiro, Rafaela María Amaro González, así como da coordinadora do grao en Veterinaria, Azucena Mora Gutiérrez, tamén participaron nesta sesión, do mesmo xeito que o fixeron os directores de departamentos da USC de Anatomía, Producción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias, Maribel Quiroga; Bioquímica e Bioloxía celular, Juan Ignacio Ramos Martínez, e Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía, Carlos Franco. A ex presidenta da Eaeve e profesora da USC na Facultade de Veterinaria, Ana Bravo del Moral; o director xerente da Fundación Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz Palomino; o director do hospital veterinario universitario Rof Codina, Antonio González Cantalapiedra, e a presidenta do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, Ana López Pombo, completaron a comitiva académica veterinaria.

 

O secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; o deputado provincial delegado da área de Cultura e Turismo, Eduardo Vidal; o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, e os xefes territoriais en Lugo das consellerías de Presidencia, Medio Rural e Sanidade, Ramón Carballo, María Olga Iglesias e Begoña Seco, respectivamente, foron outras das autoridades presentes.


Outras imaxes


Autoridades políticas e académicas, na recepción do comité da EAEVE

Bravo del Moral saúda á vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo en presenza de autoridades políticas

Representantes académicos e políticos que participaron na recepción