Saltar ao contido principal
Xornal

Unha nova promoción de Estalmat-Galicia inicia este sábado as súas actividades

O programa, avalado pola Real Academia de Ciencias, conta co apoio da USC, da Consellaría de Educación e das Deputacións da Coruña e Lugo

Actualizada: 28-09-2018 12:53
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Os 364 participantes na proba de selección de Estalmat-Galicia 2018 e membros do comité organizador e responsables da proba na Facultade de Matemáticas da USC o pasado mes de xuño

O proxecto Estalmat-Galicia de estímulo do talento matemático en rapaces de 12 e 13 anos iniciará este sábado 29 o curso 2018-2019 nunha sesión na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC ás 10.30 horas. Asistirán os 25 alumnos de Estalmat-Galicia que conforman a décimo segunda promoción (2018), acompañados das súas familias, autoridades académicas, patrocinadores, representantes do ensino medio que os avalaron e membros do equipo docente do proxecto. Ao final do acto, as 7 alumnas e os 18 alumnos finalmente seleccionados reciben a súa documentación das autoridades e profesores para saír deseguido en autobús cara un campamento matemático durante a fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella-Vilarmaior na Coruña, que supón unha toma de contacto entre eles nun ambiente lúdico-matemático.

O acto de apertura presidirao o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente PérezMuñuzuri,  acompañado na mesa de autoridades pola decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, e polo presidente do Proxecto ESTALMAT-Galicia e ex reitor da USC, Juan Viaño Rey, ademais de representantes dos patrocinadores principais de ESTALMAT-Galicia, Manuel Corredoira López, director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa; Antonio Leira Piñeiro, deputado da área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña;  Pilar García Porto, deputada da Subárea de Cultura e Educación da Deputación de Lugo. A presentación da 12ª Promoción faraa a coordinadora académica de ESTALMAT-Galicia, Sandra María Díaz Mouro.

Novidades
Este curso entre as novas actividades programadas, manipularán dous omnipoliedros (achegados polo IES de Mugardos e o IES de Guitiriz), participarán nun concurso de fotografía matemática e traballarán cos exemplares das unidade didácticas de ‘Domingo Fontán’ e ‘María Wonenburger’. Estarán acompañados na fin de semana polo responsable do Campamento, o profesor Victor Pollán, a responsable de Relación coas Familias, María Trinidad Pérez López, e catro ‘extalmateiras’ (da novena Promoción ESTALMAT-Galicia, 2015) e un equipo de monitores.

Representantes do Comité Organizador e dos 52 profesores do equipo docente, titulados/as en matemáticas e profesado da disciplina de amplo historial no ámbito do ensino secundario e universitario, recibirán aos 25 estudantes que foron seleccionados o pasado 2 de xuño na proba celebrada na Facultade de Matemáticas. Nela participaron un total de 364 estudantes de toda Galicia nacidos en 2005 e 2006. Os participantes, 216 rapaces e 148 rapazas, procedían na súa maioría das provincias da Coruña (222) e Pontevedra (119), seguidas das de Lugo (9) e Ourense (14), tanto do ensino público (258) como do privado (106). Os 25 estudantes seleccionados finalmente (7 rapazas e 18 rapaces) pertencen á Coruña (11), Ourense (4) e a Pontevedra (10). Nos dez anos dende a súa implantación, ESTALMAT-Galicia ten examinado na Facultade compostelá a mais de 3.400 estudantes con grande interese polas matemáticas e ten seleccionado ata agora 300 con talento matemático para incorporar ás súas actividades.

Desenvolvemento
Durante o curso os/as estudantes seguirán un programa especial de estímulo do talento matemático baixo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que dende 1998 ven implantándose en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria e Illas Baleares. Estas actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de 20 sábados do curso académico. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia. Ademais, ESTALMAT-Galicia coordina o programa ESTALMAT PI, dirixido a manter o contacto un ano mais con actividades impartidas en 12 sábados do curso.

O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o CSIC e distintas universidades españolas. O Proxecto ESTALMAT-Galicia, está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e de distintos centros de ensino secundario de Galicia. Conta cun financiamento específico da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e das Deputacións da Coruña e Lugo.