Saltar ao contido principal
Xornal

Os premios Camiño de Santiago recoñecen o esforzo do Grupo Compostela de Universidades na divulgación desta ruta de peregrinación

Actualizada: 05-10-2018 10:02
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kręglewski, recollendo o galardón.

O presidente do Grupo Compostela de Universidades (GCU), Marek Kręglewski, asistiu este xoves á cerimonia de entrega dos Premios Camiño de Santiago 2018 celebrada no Museo das Peregrinacións para recoller o galardón concedido á institución que representa.

Kręglewski agradeceu o recoñecemento ao conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. No seu discurso explicou que nas tradicións dos diversos países europeos se pode “apreciar a riqueza e diversidade das raíces comúns sementadas polo Camiño”. Ademais, subliñou que resulta “vital que este coñecemento sexa transmitido ás futuras xeracións europeas” e indicou que nesta liña traballa o GCU, a través da organización de proxectos que “presentan a cultura europea no contexto do Camiño de Santiago”.

O Grupo Compostela de Universidades foi premiado na categoría que distingue iniciativas e actividades de carácter académico, investigador ou educativo. No seu fallo, o xurado destacou o traballo do GCU e a súa contribución ao estudo do Camiño de Santiago desde un punto de vista multidisciplinar, académico e social; incluíndo tamén a perspectiva de xénero e favorecendo a mobilidade de investigadores.

Ao longo dos seus 24 anos de vida, o GCU desenvolveu proxectos destinados ao estudo e divulgación do Camiño de Santiago e os seus valores, nos eidos académico e social, achegando á sociedade estas temáticas a través da edición de publicacións como a serie ‘Camiño de Santiago’ ou o libro Mulleres peregrinas, doadas á Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura e á Biblioteca da USC para a súa consulta. Ou tamén organizando iniciativas académicas como o foro internacional ‘O valor dos dereitos humanos e o Camiño de Santiago’, que congregou en Santiago a máis de 100 estudantes e profesores dunha vintena de institucións académicas.

O GCU
O Grupo Compostela de Universidades (GCU) é unha asociación internacional sen ánimo de lucro que traballa en favor da colaboración e promove o diálogo en todos os ámbitos da educación superior. Comezou a súa andaina no ano 1994 e desde a súa creación foi crecendo ata unir ao seu camiño máis de 60 universidades de todo o mundo. Todos os peregrinos do Grupo Compostela de Universidades comparten os valores de cooperación e integración desenvolvidos en torno ao Camiño a Santiago.